A comisión de festas do San Xoán sortea 6.000 euros

Integrantes de la comisión de fiestas del San Xoán de Guitiriz (Foto: C.Pérez)
photo_camera Integrantes de la comisión de fiestas del San Xoán de Guitiriz (Foto: C.Pérez)

A nova comisión do San Xoán de Guitiriz, que organizará as patronais de 2012 e 2013, xa iniciou as actividades para recadar fondos coa venda de rifas para o sorteo dun premio de 6.000 euros en metálico.

As papeletas, con dous números cada unha, xa están á venda en varios establecementos comerciais. O premio será para a cifra que coincida coa Lotería do 23 de xuño.

A comisión que preside Ramón Vázquez está formada por José Manuel Rivera (vicepresidente), Caterina Branco (secretaria), José Garrido (tesoureiro) e os vogais Carlos Amil e Antonio López.

Os seis ramistas, que esperan reunir un orzamento duns 60.000 euros, piden a colaboración dos hostaleiros, «que son os máis beneficiados coas festas», as administracións e os propios veciños, aínda que son conscientes de que se atopan no peor momento para organizar festas por mor da crise.

Por iso, agradecen de antemán calquera colaboración que se lles poida prestar e pensan en fórmulas para reunir fondos, como a venda de Lotería de Nadal, o sorteo dunha cesta ou recuperar o libro das festas.

Os seis integrantes da comisión do San Xoán fixaron as festas guitiricenses do 22 ao 25 de xuño. O programa aínda está por definir, pero os ramistas xa confirmaron a contratación de seis orquestras e a celebración da sardiñada gratuíta na noite do 23.

Tamén haberá competicións deportivas, coa sétima edición da carreira popular Guitiriz Termal como prato forte, un día dedicado aos nenos e animación rueira. A banda de música de Guitiriz e a coral Xermolos son algunhas das formacións que actuarán durante as festas.

Comentarios