A confraría de Celeiro colabora nunha investigación sobre cetáceos

CAMPAÑA BANCO DE GALICIA-CEMMA1.JPG
photo_camera CAMPAÑA BANCO DE GALICIA-CEMMA1.JPG

A confraría de pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro prestará apoio loxístico a unha investigación pioneira sobre a presenza de cetáceos no banco de Galicia, unha elevación dos fondos mariños situada a 120 millas ao oeste de Fisterra.

O ente pesqueiro lucense achega a súa aula tecnolóxica mariña, o barco Santiago Apóstolo, que será o utilizado polos membros da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) para o traslado á zona.

A investigación denomínase I Campaña Banco de Galicia e forma parte do proxecto Life + Indemares, que ten como obxectivo “contribuír á protección e uso sostible da biodiversidade nos mares españois mediante a identificación de espazos de valor para a Rede Natura 2000”. As actuacións previstas no marco do proxecto desenvólvense entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 31 de decembro de 2013. Conta cun orzamento de 15,4 millóns de euros, cofinanciado pola Comisión Europea nun 50%.

No proxecto colaboran entes como a Fundación Biodiversidade, a Cemma, o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Medio Mariño, o Instituto Español de Oceanografía e outras organizacións, como a SEO/Birdlife. A Cemma se centará en recompilar información no banco de Galicia, unha montaña submarina, de 4.400 metros, que chega desde as chairas abisais a 5.000 metros de profundidade ata o cume, que está a 600 metros da superficie. Sitúase a 120 millas da costa galega. Está separado da plataforma de Galicia por unha canle de 2.500 metros de profundidade e a máis de 100 millas.

A montaña submarina funciona como un oasis no centro do océano, a súa superficie está cuberta de corais de profundidade e resulta unha zona de alto interese para a biodiversidade, con polo menos 86 especies de peixes. A densidade de cetáceos rexistrada, mediante outros embarques realizados pola Cemma, é das máis altas de Europa.

O estudo levará a cabo a bordo do barco Santiago Apóstolo, da confraría de Celeiro e contará coa participación de dez observadores científicos. A expedición parte este luns 14 do porto vivariense. Na zona de estudo, o equipo estará sete días, percorrendo unha superficie de tres mil millas cadradas.

Durante os períodos de luz solar, o barco irá navegando a unha velocidade de oito nós, e os observadores realizarán varridos constantes da superficie do mar empregando óptica de observación (prismáticos) para detectar visualmente a presenza de cetáceos. Mentres, os equipos acústicos recollerán os sons de xeito continuo.

Comentarios