A coalición de PSOE e BNG en Portomarín segue en vigor a pesar das súas diferenzas

O último enfrontamento entre PSOE e BNG de Portomarín non desembocará nunha ruptura do bipartito, polo menos de momento, despois de que os militantes nacionalistas, molestos ao crer que os socialistas incumpren o pacto de goberno, decidisen que o Bloque siga no Concello.

Así o indicou o luns 12 de abril o portavoz do BNG e tenente de alcalde, Xesús López, quen, no entanto, sinalou que os frontistas pediron á dirección comarcal do Bloque que traslade ao órgano homólogo do PSOE unha serie de puntos «imprescindibles» —que non concretou— para que se cumpra o acordo entre ambas as forzas. Segundo explicou López, nunha asemblea celebrada o domingo os militantes acordaron de forma unánime facer pública a súa repulsa «á actitude prepotente» do PSOE, «incumprindo o pacto e poñendo en perigo o primeiro goberno progresista no concello dende o fin da ditadura franquista».

Aínda que se barallaron outras medidas «máis drásticas» ante este desencontro, o tenente de alcalde indicou que, finalmente, os presentes apoiaron a continuidade do bipartito para «pechar obras pendentes» xestionadas polo BNG, como o miradoiro de San Pedro ou o pavillón, para que «a nosa saída do goberno non prexudique os interéses dos veciños».

Interpelada sobre esta decisión, a rexedora, a socialista Silvia Rodríguez, espera que achegue «tranquilidade» ao goberno, aínda que dixo, en referencia ao BNG, que «non se pode facer de goberno e de oposición», xa que, ao seu xuízo, «estar no goberno implica lealdade e respecto á alcaldía».

Rodríguez subliñou, ademais, que os intereses veciñais «teñen que estar por riba» de posibles discrepancias «sobre competencias ou soldos».

Comentarios