A clasificatoria para a carreira Provincial será o sábado na Magdalena

A proba clasificatoria para participar no campionato Provincial escolar de campo a través celebrarase este sábado no estadio municipal da Magdalena de Vilalba, onde os corredores das escolas municipais dos concellos chairegos buscarán unha praza para a seguinte fase.

As carreiras empezarán ás 11.15, coa categoría benxamín feminina, e está previsto que terminen ao redor das 13.30, cando finalice a carreira cadete masculina. As distancias a percorrer oscilarán entre os 500 e os 3.500 metros das categorías benxamín e cadete, respectivamente.

Haberá dúas clasificacións, unha individual por orde de chegada a meta e outra con aqueles atletas que puntúen como equipo. Para iso, deberán entrar polo menos catro atletas -excepto na categoría cadete, que serán precisos tres- e un máximo de seis.

Ao finalizar as carreiras, procederase á entrega de medallas. Haberá para os tres primeiros clasificados individuais e para os compoñentes dos tres primeiros equipos clasificados por categoría.

Antes da proba clasificatoria, celebrarase hoxe, co mesmo horario, a segunda cita preparatoria para este campionato, tamén en Vilalba. A primeira foi en decembro en Outeiro de Rei.

Comentarios