A claqueta réndese a Vilalba

Un instante del rodaje, con el actor Luis Iglesia en el interior del coche (Foto:  M. Roca)
photo_camera Un instante del rodaje, con el actor Luis Iglesia en el interior del coche (Foto: M. Roca)

A idoneidade de determinadas localizacións foi o que animou aos responsables da produtora Cool Films Galicia para abandonar as localidades onde adoitaban gravar -Sarria e Friol- e achegarse ata Vilalba coa idea de rodar a súa última curtametraxe, que leva por título ‘Pecados'. A igrexa parroquial de Codesido e a contorna da praia fluvial da Magdalena foron os puntos que acolleron na xornada de onte o último día de rodaxe desta produción audiovisual, á que aínda lle falta un mes máis de traballo para que poida ver a luz.

O curto, dirixido por Luís Noriega e que é o noveno desta produtora, está baseado en feitos reais e «vai impactar bastante, tanto pola temática como polas escenas, que son duras», apuntou o produtor, Jordy Santos. A historia vira sobre unha asasina a soldo lesbiana que acaba de matar a varias mozas e intenta evadir a xustiza.

En fronte terá a un detective, interpretado polo lucense Luís Iglesia -protagonista da serie ‘Matalobos', da TVG-, que «trapichea con información», segundo palabras do propio actor. «Fixéronme chegar o guión, gustoume e, ademais, coñecía o caso da historia real no que está baseado, así que me animei a aceptar a proposta», engadiu.

A presenza deste coñecido intérprete encheu de satisfacción aos responsables do curto, que ven que Luís Iglesia achega «un toque especial, tanto por su nombre como por interpretación».

A repartición complétase con Chus Álvarez, Sergio Quintana, Paku Granxa e Saamira Ganay, que completan un equipo dunhas 15 persoas que traballan neste proxecto cinematográfico. Entre elas atópase tamén, e por primeira vez, a vilalbesa Yolanda Purriños, que exerce de directora de fotografía. Destaca ademais a presenza de Cristóbal González, un estudante da Escola de Imaxe e Son de Lugo.

A elección de Vilalba para a gravación deste filme non foi ao azar, segundo relata Jordy Santos. As boas comunicacións para os actores e técnicos que se desprazaban da Coruña foi un dos seus puntos a favor, pero o que máis pesou foron as localizacións. «A chaira xunto á piscina xa a viu e axustábase perfectamente ao que estaba a buscar e, doutra banda, Yolanda foi a que nos falou da igrexa de Codesido e é ideal, como feita por encargo para o curto», afirmou.

Unha vez finalice o proceso de montaxe, que durará aproximadamente un mes, os curto ‘Pecados' presentarase a todos os festivais galegos posibles. Ademais, traducirase ao inglés -do mesmo xeito que os oito anteriores desta produtora para tratar de dar o salto a certames internacionais.

Comentarios