A CIG denuncia condicións insalubres en obreiros da A-54

A Federación da Construción e da Madeira da CIG en Lugo denunciou ante a Inspección de Traballo as condicións supostamente insalubres que sofren algunhas das persoas que traballan na construción da autovía de Lugo a Santiago, A-54.

A CIG explica que se trata do persoal dunha empresa portuguesa, Construcións Dabalpo, subcontratada por Sacyr para realizar obras na autovía na zona de Guntín. Aseguran que os traballadores residen na zona de Xinzo de Limia, viaxan cada día hora e media para chegar a Guntín "para atoparse unhas instalacións na vila de Guntín que parecen cuadras, nun baixo que Sacyr pon a disposición da súa empresa sen baños nin duchas, co chan de formigón e sen unha zona onde secar a roupa de traballo, que se pon mollada do día anterior"

Fontes do sindicato engaden que, tras traballar un mínimo de nove horas, "volven ao baixo a cambiarse e fan unha hora e media de camiño de volta sen poder asearse ata chegar a casa". Denuncian que "para facer as súas necesidades teñen que ir de monte" e que "os ratos que pululan pola zona onde xantan incluso lles roeron os bocadillos que levan porque a empresa négase a pagarlles o xantar tal e como está obrigada".

A CIG pide medidas contra Dabalpo, pero tamén contra Sacyr por subcontratar a esta firma e pide a Fomento control das adxudicacións.

Comentarios