jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

A CIG augura ''moi curto percorrido'' á Lomce dada a falta de apoio social

O secretario nacional de CIG-ENSINO, Anxo Louzao, augurou hoxe "un percorrido moi curto" á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) pola oposición que existe na sociedade. "Hai unha oposición moi maioritaria e calquera alternativa de goberno vai levar consigo que esta sexa unha lei morta", afirmou Louzao en declaracións aos medios.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convocou na mañá de hoxe unha manifestación fronte á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en San Caetano, para expresar de novo o seu rexeitamento á LOMCE aprobada recentemente no Congreso.

O secretario nacional da central sindical CIG-ENSINO, xunto a outros membros da Plataforma, levaron a cabo un acto no Rexistro da Xunta, onde fixeron unha entrega simbólica dunhas cabazas dirixidas ao conselleiro e ao ministro de Educación, Xesús Vázquez e José Ignacio Wert, respectivamente. "As cabazas simbolizan un irónico agasallo que lle facemos polo seu comportamento en contra da educación pública", asegurou Louzao.

O responsable sindical indicou que coa aprobación no Congreso da LOMCE "acábase de dar un paso mortal, letal, contra o dereito á educación, pero tamén é certo que a esta lei espéraselle un percorrido moi curto", sinalou. "Hoxe toda a sociedade galega sabe que está ante unha lei nociva para o sistema educativo, que vai impedir o acceso á educación a unha parte importante da sociedade, que vai supor o reforzamento da españolización e da privatización do ensino", indicou.

Para Louzao, a LOMCE "é unha lei clasista, un obstáculo permanente para o acceso á educación e suporá unha barreira infranqueable para moitos alumnos galegos", destacou. Engadiu o sindicalista de CIG-ENSINO que a lexislación educativa aprobada "profunda no adoutrinamento relixioso e está impregnada de todo o que son os principios do sistema neoliberal; pretende maior privatización e menos dereito á educación", apostilou.

Á FOLGA O 24

Anxo Louzao avanzou a convocatoria dunha folga na educación galega para o vindeiro xoves 24 de outubro, así como manifestacións nas sete cidades galegas e noutras localidades.

Louzao explicou que aínda non recibiron resposta da Plataforma en Defensa do Ensino Público en Galicia, integrada entre outros colectivos polos sindicatos UXT e CC OO, á invitación para levar a cabo as mobilizacións de forma conxunta. "Fixémoslle unha proposta para que as manifestacións fosen pola mañá. Se convocamos ao profesorado á folga non é para que se manifeste pola tarde e pola mañá non vaia á folga, senón que é para que vaia á folga e que salga á rúa, tanto o estudiantado como o profesorado", sinalou Louzao. "A nosa proposta está aberta para manifestarse ás 11.30 horas, pero a verdade é que non tivemos resposta nese sentido", concluíu.

A CIG augura ''moi curto percorrido'' á Lomce dada a falta de apoio...
comentarios