A CIA xa empezou a dar armas aos rebeldes sirios

A CIA xa comezou a entregar armas aos rebeldes sirios, pondo fin a meses de atraso no envío da axuda militar prometida en xuño polo presidente de Estados Unidos, Barack Obama, segundo di hoxe o diario The Washington Post.

Os envíos, que inclúen armas lixeiras e municións, comezaron nas últimas dúas semanas, de acordo co Post, que cita a funcionarios estadounidenses e a fontes sirias.

Simultaneamente, o Departamento de Estado está a proporcionar aos rebeldes sirios novos tipos de asistencia non letal, entre eles vehículos e equipos de comunicacións e de asistencia médica.

Aínda que Obama prometeu en xuño pasado dar axuda letal á oposición siria, os envíos fóronse atrasando polas dificultades loxísticas de traballar nunha "zona de guerra" e polo temor de Washington a que as armas e municións caian en mans de extremistas, argumenta o Post.

Os envíos proporcionados pola Axencia Central de Intelixencia (CIA) flúen a través dunha rede de bases clandestinas en Turquía e Xordania, precisa.

Segundo opositores sirios citados polo diario, EE UU segue sendo renuente a proporcionarlles armas antitanque e antiaéreas.

Os esforzos diplomáticos para intentar resolver a crise en Siria, un conflito que xa dura dous anos e medio, reactiváronse por mor da proposta rusa de que o arsenal químico de Damasco quede baixo control da comunidade internacional.

Precisamente hoxe, o presidente de Siria, Bachar al Asad, respondeu afirmativamente a esa iniciativa nunha entrevista exclusiva coa canle de televisión ruso Rossía 24.

Segundo a canle, Asad asegurou que Siria porá as armas químicas baixo control internacional "por Rusia" e non debido "ás ameazas de Estados Unidos".

Obama deu unha oportunidade aos esforzos políticos e diplomáticos días logo de anunciar a súa intención de lanzar un ataque militar "limitado" contra Siria en represalia polo ataque con armas químicas do pasado 21 de agosto atribuído por EE UU e outros países ao réxime de Damasco.

Mentres, o presidente ruso, Vladímir Putin, alertou nun artigo de opinión publicado en The New York Times de que un ataque estadounidense contra Siria "desataría unha nova onda de terrorismo" e sinalou que o uso de armas químicas é responsabilidade da oposición ao Goberno de Al Asad.

Comentarios