A CIA afirma que é probable que o EI teña proxectados máis atentados

O director da axencia de intelixencia estadounidense afirma que ataques como os de París non son "inevitables", aínda que recoñece que non hai ningún país que estea inmunizado a eles

O director da CIA, a axencia de intelixencia estadounidense, John Brennan, advertiu este luns de que é probable que o grupo terrorista Estado Islámico (EI) teña "proxectados" máis atentados, xa que non cre que os ataques perpetrados o venres en París sexan un feito "illado".

"O programa do EI é matar" e "ningún país é inmune", dixo Brennan nun foro sobre seguridade mundial global organizado polo Centro de Estudos Estratéxicos e Internacionais (CSIS).

Sobre os atentados de París do venres, que causaron polo menos 129 mortos e 350 feridos, afirmou: "Eu anticiparía que non é a única operación que o Estado Islámico ten proxectada".

Segundo Brennan, os ataques de París non foron "unha sorpresa", dada a "advertencia estratéxica" dos xihadistas sobre a súa intención de atentar en países occidentais.

O director da CIA comentou, ademais, que non se pode afirmar que atentados como os perpetrados en París sexan "inevitables", pero puntualizou que o uso de tecnoloxía e sistemas de cifrado por parte dos terroristas fai máis difícil localizalos e rastrexalos.

O EI ameazou este luns con cometer atentados similares aos de París noutros países que forman parte da coalición internacional que bombardea as súas posicións en Siria e Iraq.

Nun vídeo difundido en internet pola filial do EI na rexión iraquí de Kirkuk e cuxa autenticidade non se puido verificar, o grupo xihadista precisou que atacará a Estados Unidos, Australia, Canadá e Bélxica, entre outros países, "se persisten os bombardeos contra os musulmáns".

Comentarios