A coordinadora de equipos de normalización lingüística rexeita o Premio da Cultura Galega

A CGENDL fora galardoada na modalidade de Lingua, pero non aceptará o premio "de mans dun Goberno que actuou, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos"

O Consello Directivo da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) fixo público o seu rexeitamento ao Premio da Cultura Galega 2015 na súa modalidade de Lingua.

A entrega dos Premios da Cultura Galega correspondentes ao ano en curso celébrase este luns pola tarde no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, acto ao que os integrantes da directiva da CGENDL anuncian que non acudirán.

O Consello Directivo desta entidade expresa a súa gratitude ao xurado por devandito galardón, aínda que matiza que "consideramos unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que actuou, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a favor dunha normalización efectiva da lingua galega".

Nun escrito feito público esta tarde, a CGENDL sostén que "xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato".

"Noutras palabras: non podemos nin queremos ser incoherentes, aceptando un galardón que nos entrega un Goberno que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos".

"Porque, máis aló das boas palabras e da falsa retórica da liberdade lingüística -engádese-, comprobamos como este Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas en educación".

"Foi tamén -prosegue a CGENDL- aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de 'escoller' o idioma de escolarización nas nais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada".

A Coordinadora acusa o Executivo presidido por Feijóo de ser "un Goberno reticente coa promoción real do galego, a pesar das alarmantes estatísticas que invitan a cambiar de rumbo na política lingüística, e con urxencia".

Por iso, afirman que os membros do Consello Directivo da CGENDL "non iremos recoller este premio, pois non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena".

"As nosas fillas e fillos, que desexamos plurilingües, teñen dereito a escoitar máis galego dentro e fóra das aulas, para non condenalos á ignorancia de non saber de onde son nin de onde veñen. Porque non hai progreso sen memoria nin liberdade sen conciencia da propia identidade", indícase.

O comunicado do Consello Directivo da CGENDL conclúe sinalando que "desde a nosa modesta independencia, seguiremos á beira dos que sementan futuro a favor dunha lingua que desexamos tan normal como calquera outra".

Comentarios