A CE presenta mañá o seu plan para relanzar a industria europea

A Comisión Europea (CE) dará a coñecer mañá os seus plans para impulsar a industria europea e mellorar a distribución dos produtos industriais dentro do mercado único, co obxectivo de que este sector represente en 2020 o 20 % do PIB comunitario.

A estratexia, titulada "Por un renacemento industrial europeo", incluirá recomendacións para atraer novos investimentos no sector e para pór en marcha "políticas máis coherentes" nas áreas de mercado interior, administración pública, comercio, investigación ou materias primas, segundo avanzaron fontes comunitarias.

Para lograr este relanzamento da industria europea, a comunicación da CE -proposta non lexislativa- proporá facer un mellor uso do novo orzamento europeo, e en particular de instrumentos como os Fondos Estruturais, COSME -destinados ás pemes-, e Horizonte 2020.

Bruxelas pretende dar así un novo impulso á industria, un sector que a pesar de ser considerado clave para a economía e para o emprego dos Vinte e oito volveu perder peso o ano pasado, ao caer a súa achega ao Produto Interior Bruto (PIB) do 15,5 % ao 15,1 %.

Este declive podería "danar seriamente o potencial de crecemento da UE", xa que da industria dependen o 80 % da innovación, tres cuartas partes das exportacións e un número significativo de empregos, sinalaron as citadas fontes.

A comunicación será presentada mañá ás 12.00 GMT nunha rolda de prensa conxunta do presidente do Executivo comunitario, José Manuel Durao Barroso, e do vicepresidente comunitario e titular de Industria, Antonio Tajani.

Así mesmo, Tajani presentará outra comunicación destinada a mellorar o funcionamento do mercado único para os produtos industriais.

O documento incluirá recomendacións destinadas a mellorar a armonización das regras dos Estados membros e a acelerar a aplicación da normativa comunitaria.

O paquete de medidas sobre a industria será discutido polos líderes comunitarios no cume europeo que se celebrará en marzo en Bruxelas.

Comentarios