La Catedral traza un itinerario sobre a pintura galega feminina do século XX

A galería luguesa La Catedral, que dirixe Jorge Espiral, abriu onte e para todo o mes a mostra ‘Un siglo de pintoras gallegas’, no que percorre a creación plástica realizada por mulleres no
século XX.

O percorrido que propón o galerista, que fixo «unha selección da mellor pintura feita por mulleres no século XX», ten sete etapas: María Corredoyra, Maruja Mallo, Julia Minguillón, María Antonia Dans, María Victoria de la Fuente, Mercedes Ruibal e Elena Gago. Corredoyra, unha coruñesa nacida en 1843 e parente de Jesús Corredoyra, está representada por unha obra única, o interior dun convento no que a artista «transmite unha sensación de paz a través dun xogo de luces», apunta Jorge Espiral. Engadiu que figura na mostra «porque é unha das primeiras».

Pioneira foi tamén Maruja Mallo, que está presente en dúas litografías nas que a artista de Viveiro representou unha améndoa e unha mazá que realizou para incluír na Revista de Occidente.

Julia Minguillón é un chisco posterior. A súa achega a esta mostra é un apuntamento para o cadro ‘En la fuente’ trazado en óleo sobre cartón. Amosa un grupo de mulleres lavando e figura no tarxetón que anuncia a exposición. Unha segunda obra desta autora, a primeira muller en ser galardoada cunha medalla nacional de Belas Artes, é ‘Costureira’, un debuxo dunha muller cosendo.

Sobre Dans, o responsable de La Catedral apunta que é «inxenuísta, aínda que non chega a ser naïf». As pinturas que se presentan están cheas de cores eléctricas azuis, laranxas e verdes.

As súas teas contrastan coas de De la Fuente, no senso de que usa unhas gamas máis suaves, con cores verdes e cobres que tenden ao ouro vello. Esta artista foi incluída na ‘Nueva Figuración Española’. De entre os bodegóns que presenta, Espiral escolle ‘Limones y noche’, que está catalogado en varios libros.

A influencia de Laxeiro queda clara na obra de Mercedes Ruibal, presente con varias máscaras «que semellan vidreiras» e están cheas de «lirismo tráxico que enternece».

Gago pecha a exposición coa súa «serenidade» e os seus «interiores elegantes caracterizados polo dominio do debuxo», di o galerista. 

Comentarios