La Catedral prolonga o centenario de Seoane expoñendo pezas gráficas

Luis Seoane veuse empuxado pola violencia política a exiliarse a Arxentina, pero nunca deixou de enviar mensaxes a Galicia. A súa comunicación produciuse especialmente a través da obra gráfica, na que os temas e as figuras do país son referente constante. A galería lucense La Catedral reúne unha trintena desas pezas nunha mostra que se inaugura ás 20.00 horas de hoxe coa que pretende «prolongar o centenario» do artista, que se celebrou o ano pasado, segundo o responsable da galería lucense, Jorge Espiral.

As obras que amosará a sala privada ao longo dun mes son fundamentalmente xilografías, traballos en prancha de madeira «nos que Seoane era un mestre». Algunhas pezas colgadas na galería pertencen á mesma serie, como é o caso de ‘Venecia’, que agrupa gravados nos que reúne visións do porto italiano nun xogo entre as ondas silueteadas e fragmentos góndolas. O mar está tamén representado en dous pulpos e unha estrela que ocupan senllos gravados.

Outras, coma ‘Domador’, cun home facendo saltar unha fera por un aro, son representantes únicas de series, ‘Circo’, neste caso. Mesmo hai exemplares raros, como ‘Músico antiguo’, un estarcido no que se usa plantilla, adscrito a unha serie de seis exemplares.

Fusquenlla

Galicia está presente dende os tempos medievais, mediante figuras coma o fidalgo que liderou a Irmandade Fusquenlla contra os Andrade e que el talla como ‘Ruy Xordo’. Xunto a ese vencedor, están representados un labrego que semella derrotado varios séculos máis tarde.

Outros heroes de Seoane, os heroes artísticos, figuran nos gravados dedicados ao poeta Miguel Hernández e máis a Paul Klee, que comparten unha serie con outros que realizou o artista.

As mulleres son protagonistas tamén de varias xilografías, aparecen en bustos e tocadas con sombreiro. A mesma representación reprodúcese nunha dedicatoria que fai a uns amigos en 1971. O debuxo forma tamén parte da mostra.

Singulares son tamén dous carteis nos que Seoane anunciou mostras propias, tanto na localidade alemá de Colonia como en Münster. Un terceiro está dedicado a unha  representación de Macbeth que tivo lugar na Coruña en 1975.

Un bodegón pintado en óleo sobre lenzo é tamén unha peza particular, como son dúas acuarelas nas que ofrece a súa visión abstracta da paisaxe que conforma o norte da Arxentina.

A faciana de editor de Luis Seoane está representada por gravados da colección ‘Libro das tapas’, no que se recolle a xeira que desenvolveu como editor con firmas coma Citania ou Botella al Mar. Entre as xilografías que se utilizaron para as capas das publicacións que editaba, hai unha que se usou para o libro ‘Lonxe’, do monterrosio Lorenzo Varela. 

Unha poderosa muller en ferro

  • A peza máis salientable da exposición é unha reixa en ferro e latón na que se representa unha muller poderosa.

Bos Aires

  • Jorge Espiral apunta que a «escultural mural», como a define, procede de Bos Aires.

Simetría

  • A muller que está colgada nunha parede da Catedral ten relación con outras figuras femininas, aisladas, distribuídas en un equilibrio simétrico con rectángulos.

Comentarios