A Brilat instruirá en Parga a unidades do exército en situacións de combate

Durante sete días haberá exercicios con lume real no campo de manobras guitiricense

O Batallón de Infantería Motorizada Zamora, que pertence á Brilat, dirixirá entre os días 22 e 29 de setembro no campo de manobras e tiro de Parga (Lugo) un exercicio denominado Train the Trainers para formar a cadros de mando, xefes de sección e pelotón en situacións de combate en zonas boscosas.

O citado batallón, como unidade de referencia na preparación da Forza Terrestre para ese tipo de situacións de combate, será o encargado de dirixir o desenvolvemento desas xornadas, na que participarán efectivos do exercito español, pero tamén dos Estados Unidos, o Reino Unido, Portugal ou Italia.

En canto á representación do exército español, haberá militares da Brilat, Brileg, Bripac, MOE e a Brigada Aragón I, así como do segundo Cavalry Regiment dos Estados Unidos, con base en Vilseck (Alemaña); o segundo Mercian Regiment do Reino Unido, a Brigada de Intervençao de Portugal e o Reggimento Bersaglieri italiano.

Os principais obxectivos destas manobras conxuntas son "mellorar os coñecementos dos participantes na historia, evolución, características, limitacións, apoios necesarios, leccións apresas e tipos de exercicios a realizar en zonas boscosas", segundo informou o Ministerio de Defensa, así como "dar a coñecer tácticas, técnicas e procedementos para adestrar e combater neste tipo de ambientes".

Os exercicios servirán para mellorar a competencia dos mandos en zonas boscosas, mediante técnicas de orientación, uso de sistemas de navegación, construción de fortificaciones, despexe de campos de tiro, identificación de obxectivos e preparación de emboscadas e contra emboscadas.

Tamén se lles ensinará aos participantes a marcar rutas en zonas boscosas e a realizar exercicios de apoio aos zapadores, ademais de realizar prácticas para estabilizar e atender ás baixas en combate. Haberá exercicios con lume real en zona boscosa, con pistola, fusil e metralladora, tanto en ambiente nocturno, con 36 horas de práctica e simulación dunha unidade inimiga.

Comentarios