A autopsia revela que o cadáver achado en León é o da peregrina

O Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León (TSJCyL) informou na noite deste luns de que a autopsia realizada ao cadáver achado o pasado venres en León revelou que é o da peregrina estadounidense Denise Pikka Thiem, desaparecida o pasado 5 de abril cando facía en solitario o Camiño de Santiago.


Miguel Ángel M.B., de 39 anos, está acusado de matar a muller e, aínda que pola mañá defendeu a súa inocencia, máis tarde solicitou volver declarar ante a xuíza para admitir a súa culpabilidade, segundo informa o TSJCyL.

A titular do xulgado de instrución número 2 de Astorga (León), María Antonia Díez, decretou á primeira hora da tarde deste martes prisión para o acusado e imputoulle un delito de homicidio pola morte de Denise Pikka Thiem.

Na súa declaración pola mañá, o acusado recoñeceu saber onde estaba o cadáver de Denise, pero non tela matado.

Despois do informe de imputabilidade realizado polo médico forense e ante a mesma, cambiou voluntariamente a súa declaración e recoñeceu que acabou coa vida da peregrina estadounidense.

Posteriormente, solicitou prestar unha nova declaración ante a xuíza na que reiterou a súa culpabilidade.

A xuíza xustificou a medida de prisión provisional pola necesidade de "asegurar a presenza do imputado no proceso, ao apreciarse racionalmente un risco de fuga, atendendo á natureza dos feitos e a gravidade da infracción penal que se lle imputa e a pena que puidese corresponderlle".

A prisión cumpre, segundo o xuíz, a finalidade de "evitar que trate de destruír probas e que cometa feitos análogos, se se ten en conta que xa protagonizara presuntos ataques a outras vítimas con anterioridade, aínda que sen o fatal desenlace acaecido no presente".

Comentarios