A asociación de concellos do Camiño Francés modificará os seus estatutos

O pleno da mancomunidade de municipios do Camiño Francés acordou onte modificar os seus estatutos para que, ademais de potenciar a ruta xacobea, o instrumento asociativo promova o desenvolvemento dos concellos que o compoñen.

O actual presidente da mancomunidade, o alcalde de Monterroso Antonio Gato, explicou que ese cambio de regulamento definirase no próximo pleno da agrupación e, entre outras cuestións, permitirá aos concellos ofrecer os servizos públicos «de xeito comunal». Isto suporía, segundo Gato, «menor custo e maior eficiencia» en servizos como a recollida de lixo ou a iluminación pública.

Sede

No pleno de onte, acordouse tamén buscar unha sede fixa para a mancomunidade, evitando que esta se traslade cada ano ao concello encargado da presidencia.

O obxectivo, segundo Gato, é contribuír a visualizar «fisicamente a agrupación, cunha marca e un equipo administrativo claramente definidos».

Os once concellos implicados, comprendidos entre Pedrafita e O Pino, deberán presentar as súas propostas o próximo mes de xuño. A partir de aí, establécese un prazo dun ano para ter a sede acondicionada.

As dúas propostas aprobadas onte resultan, segundo Gato, «básicas para a mancomunidade de municipios do Camiño Francés», que naceu hai dez anos para potenciar a ruta xacobea «que elixe o 90 por cento dos peregrinos».

Comentarios