A Anpa do Frei Luís recolle firmas para solicitar o arranxo do centro

Pancarta colocada por los padres en la que piden el arreglo del colegio, que está cerrado (Foto: Porto)
photo_camera Pancarta colocada por los padres en la que piden el arreglo del colegio, que está cerrado (Foto: Porto)

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (Anpa) do colexio Frei Luís de Granada de Sarria recolle firmas para solicitar á Xunta de Galicia que realice as obras da escola, que está pechada desde o pasado mes novembro pola aparición de gretas e obrigou a distribuír aos alumnos nos centros públicos da vila.

Os pais recompilaron ata agora unhas «600 firmas», que nos próximos días, unha vez comecen as clases logo das vacacións de Nadal, remitirán ao conselleiro de cultura, educación e ordenación universitaria, apuntou a presidenta da Anpa, Leocadia Préstamo.

Acompañando as firmas enviarán unha carta na que solicitarán á Administración autonómica que comiecen xa as obras para permitir que os alumnos inicien as clases o próximo curso no seu colexio. Ademais, reclamarán ao conselleiro de educación que visite o centro educativo para que coñeza o estado no que se atopa. «Consideramos que merecemos un colexio seguro e decente. O pobo merece un colexio público digno, xa que é o único que hai na vila», sinalou a asociación, que non descarta realizar mobilizacións se non comezan as obras.

A Anpa indicou que no mes de marzo abrirase a matrícula para o próximo curso, polo que cre que os pais dos novos alumnos quererán «unha garantía de que o colexio vai funcionar».

Pancartas

Os pais colocaron esta semana nunha das entradas do centro educativo unhas pancartas solicitando un colexio «digno e seguro». Nun dos carteis pode lerse «queridos Reis Meigos pedimos un cole digno e seguro». Pola súa banda, noutra pancarta os pais din: «non queremos ser okupas, queremos o noso cole».

O Frei Luís de Granada, que ten unha antigüidade de corenta anos, foi apontoado ante a aparición das gretas, que os técnicos achacaron á deformación do forxado polo paso do tempo. Os especialistas están a elaborar un proxecto para a súa remodelación.

Os 370 alumnos do colexio foron distribuídos nos institutos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández, o parvulario e no outro edificio do Frei Luís. Neste último estudan parte dos alumnos de infantil, xa que é independente do inmoble afectado e conta con patio propio. Pola súa banda, o servizo do comedor mantense no mesmo colexio, pois estas instalacións non se atopan danadas.

Comentarios