A ameaza de Alcoa contra as plantas da Coruña e Avilés pon en alerta a clase política

A Xunta de Galicia apelou hoxe á procura dunha solución "definitiva" e capaz de garantir a viabilidade da fábrica de Alcoa na Coruña, así como do resto de empresas grandes consumidoras de enerxía.

Nun comunicado feito público tras coñecer o anuncio da compañía sobre un despedimento colectivo que afectaría á planta coruñesa, a Consellería de Economía e Industria recorda que o proceso de poxa no marco da interrumpibilidade aínda non pechou, pois o Goberno central anunciou unha poxa extraordinaria en decembro.

Esta nova situación "pode abrir novas posibilidades ás empresas electrointensivas", engade o departamento autonómico. Por iso, insta o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a que continúe traballando para que o resultado da poxa poida garantir a viabilidade dos grandes consumidores enerxético.

Ademais, espera que Alcoa agarde a que conclúa o proceso para avaliar as súas opcións e tomar as decisións oportunas. "A Xunta de Galicia continúa centrada en que tanto Alcoa, como o resto de compañías con capacidade dispoñible, alcancen na poxa extraordinaria a retribución suficiente para garantir a súa viabilidade e o mantemento do emprego en Galicia", apostila.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, manterá mañá un encontro cos representantes do comité de empresa para avaliar a situación.

O Grupo Socialista pediu hoxe a comparecencia urxente do ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, no Congreso, para que informe sobre a situación da firma.

Izquierda Unida esixiu, pola súa banda, a retirada do despedimento colectivo exposto e emprazou ao Goberno central a dar unha alternativa inmediata ás poxas por interrumpibilidade por un novo modelo para grandes consumidores.

Segundo a coalición, o novo sistema de prezos non pode exporse para resolver de forma conxuntural a situación de Alcoa senón que debe ser planificado a longo prazo, para evitar situacións como a que actualmente se vive na empresa aluminera.

A reunión entre os sindicatos e a empresa, avanza a formación permitirá coñecer o alcance do ERE anunciado e establecer "se se trata dunha acción premeditada da empresa para o peche, aproveitándose da inestabilidade que xera a poxa de interrumpibilidade, ou un mecanismo de presión ao Goberno".

Os secretarios xerais de UGT e CC OO de Avilés, Iñaki Malda e José María Guzmán Pacios, respectivamente, coincidiron esta tarde en lanzar a advertencia de que as súas sindicados "chegarán ás últimas consecuencias" para salvar a fábrica local de Alcoa, da que vive directa ou indirectamente un milleiro de familias.

Aventuraron que "vai ser unha loita longa" que precisará de ter "calma dentro da situación, que é a máis horrible imaxinable".

Pola súa banda, o propio comité de empresa de Alcoa na Coruña cualificou hoxe de ''desproporcionada" esta decisión de Alcoa e reprochoulle que utilice aos traballadores "como arma arreboladiza" contra Industria, ministerio ao que demandou unha poxa extraordinaria e un novo sistema na repartición de primas.

Comentarios