Unha actriz acusa de acoso a Steven Seagal

Portia de Rossi di que o director e intérprete chegou a baixarse os pantalóns diante dela
Steven Seagal
photo_camera Steven Seagal

A actriz Portia de Rossi uniuse este xoves ás mulleres que denunciaron acoso sexual no mundo de Hollywood, ao relatar polas redes sociais un mal encontro co director e actor Steven Seagal.

Segundo escribiu a actriz nacida en Australia en 1973 na súa conta de Twitter, tiña unha audición final con Seagal na oficina deste, aínda que non indicou onde nin cando ocorreu.

"Díxome o importante que era ter química fóra da pantalla mentres me sentaba e se desabrochaba os pantalóns de coiro", contou a actriz, esposa da coñecida presentadora Ellen Degeneres.

De Rossi saíu correndo da oficina e chamou ao seu representante, que se limitou a contestar: "Ben, non sabía se era o teu tipo".

Hai uns días, a actriz Julianna Margulies, protagonista da serie The Good Wife, relatou nun programa radiofónico unha experiencia similar con Steven Seagal nos anos noventa, na habitación dun hotel de Nova York onde se aloxaba.

"Saín de alí ilesa, non se como. Gritei para poder saír de alí", explicou Margulies.

Hollywood, tras o escándalo en torno ao produtor Harvey Weinstein, acusado por decenas de mulleres en diferentes casos de agresión sexual, atópase inmerso nunha enorme polémica ante o goteo constante de novas acusacións de abuso e acoso sexual.

As acusacións salpican a actores como Kevin Spacey ou Dustin Hoffman, e cineastas como Brett Ratner ou James Toback, ademais de Seagal.

Comentarios