Juárez di que o Goberno dará explicacións necesarias onde sexa mester

O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, dixo hoxe que o Executivo dará as explicacións necesarias "onde sexa mester" para aclarar o ocorrido no accidente ferroviario de Santiago, aínda que insistiu en que as claves para aclarar o que sucedeu dependen de informes técnicos.

"O Goberno terá a mellor disposición para dar as explicacións necesarias onde sexa mester", afirmou Juárez en resposta á petición por parte de Esquerda Unida da comparecencia da ministra de Fomento, Ana Pastor.

"Imaxínome", continuou, que a ministra de Fomento dará explicacións "tanto agora como cando teñamos máis datos" do sinistro ocorrido o pasado mércores en Compostela.

No entanto, Juárez insistiu en que "nun suceso destas características os elementos técnicos son fundamentais".

A este respecto, recordou que existe unha comisión técnica independente que investiga os accidentes ferroviarios.

Así mesmo, pediu paciencia para que tanto o xuíz como a comisión poidan "facer o que crean necesario" para "chegar ao fondo do que pasou", extraer "conclusións" e posibles "recomendacións" para o futuro.

"Temos que ter paciencia e esperar a que fagan o seu traballo" tanto o xuíz como a comisión de investigación de accidentes, engadiu.

Para iso, é fundamental a información que poidan achegar as caixas negras que presumiblemente serán analizadas durante o día de hoxe.

Comentarios