Boyle, pai da familia liberada polos talibáns: "Mataron a miña filla"

Pide ao Goberno afgán que persiga a "estúpida" e "malvada" rede Haqqani, unha organización terrorista que os mantivo secuestrados durante cinco anos

O canadense Joshua Boyle, pai da familia rescatada en Paquistán, pediu este sábado ao Goberno afgán que persiga á "estúpida" e "malvada" rede Haqqani, unha organización terrorista vinculada aos talibáns e que os mantivo secuestrados durante cinco anos.

En declaracións á prensa no aeroporto internacional de Toronto, Boyle asegurou que os seus captadores cometeron gran cantidade de atrocidades, chegaron a violar a súa muller, a estadounidense Caitlan Coleman, e mataron á súa filla Martyr Boyle, quen naceu en catividade como os outros tres fillos do matrimonio, que si sobreviviron.

Segundo recolle o diario canadense Toronto Star e a cadea ABC de Estados Unidos, unhas horas despois de aterrar en Toronto, Boyle leu aos xornalistas congregados no aeroporto unhas declaracións que levaba escritas nun pequeno caderno, mentres lle tremían as mans.

Boyle falou da "estupidez" e a "maldade" que mostrou a rede Haqqani cando en 2012 secuestrou ao matrimonio, que se atopaba en Afganistán dentro dunha viaxe que facían por varias repúblicas exsoviéticas centroasiáticas, entre elas Usbequistán, Kirguizistán e Tadxiquistán.

Segundo Boyle, esa "estupidez e maldade" da rede Haqqani só puido ser "eclipsada" por máis "estupidez e maldade" cando decidiron acabar coa vida dunha das súas fillas, Martyr Boyle.

Mentres el falaba coa prensa, o resto da familia montouse nunha furgoneta rumbo á súa casa na cidade de Smith Falls (Ontario, Canadá).

Segundo recolle o diario Toronto Star, os pais de Boyle e as súas tres irmás, que compraran aos seus sobriños globos coa bandeira canadense, puideron atoparse coa familia en privado nunha pequena sala do aeroporto pouco despois da súa aterraxe.

A volta a casa da familia pon fin ao sufrimento vivido nos últimos anos e que os puxo no centro da información internacional.

Catro anos despois de ser secuestrados, en decembro de 2016, os talibáns publicaron un famoso vídeo da parella acompañada por dous dos seus fillos nacidos en cativerio no que pedían axuda ao entón presidente de Estados Unidos, Barack Obama, e ao seu sucesor, Donald Trump.

O 12 de outubro, o Exército paquistaní anunciou que puidera rescatar á familia logo de recibir importante información de Estados Unidos, país que identificou que a familia fora trasladada a Paquistán a través da zona tribal de Khurram, fronteiriza con Afganistán. 

comentarios