Izquierda Socialista apoia a Besteiro nas primarias do sábado

Esquerda Socialista de Lugo-PSdeG manifestou o seu apoio "explícito, claro e inequívoco" a Xosé Ramón Gómez Besteiro como candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE no proceso de primarias que se levará a cabo o sábado 7 de setembro.
 
Gomez Besteiro demostrou durante estes últimos meses, segundo indicou Elías Pérez Sánchez, membro da Coordinadora Galega de Esquerda Socialista e coordinador provincial, ''unha honestidade persoal e política fóra de toda dúbida" ao cumprir o compromiso de presentarse como candidato á Secretaría Xeral, compromiso manifestado a toda a militancia lucense no Foro celebrado en decembro do ano pasado.
 
Esquerda Socialista de Lugo, coñecedora das dificultades iniciais coas que se encontrou Gómez Besteiro por parte do aparato do partido para sacar adiante o seu proxecto, agradeceulle "a súa perseveranza, a súa tenacidade e a súa paciencia", polo que considera que "todo isto convérteo nun candidato ética e politicamente crible á vez que contradí a hipótese interesada (e utilizada nestes últimos tempos) de que a súa candidatura debera ser cualificada como a candidatura oficialista do partido", indicaron.
 
Por outra parte, Esquerda Socialista rexeitou e desaprobou, "por inoportunas e inadecuadas", as recentes descualificacións persoais e políticas que Manel Vázquez emitiu sobre Gómez Besteiro. Semellantes declaracións non fan máis que "enturbar perfidamente o actual proceso de primarias", indica, á vez que provoca unha perda de confianza por parte da militancia e da cidadanía en xeral.
 

Esquerda Socialista de Lugo, a única corrente de opinión recoñecida como tal polos estatutos do PSOE, indican, quere manifestar a súa plena confianza no proxecto renovador, integrador, rexenerador e aberto personificado por Xosé Ramón Gómez Besteiro e desexa que a militancia lucense -e de toda Galicia- participe activamente na súa elección como Secretario Xeral do PSdeG o día 7 de Setembro. 

Comentarios