Isabel Piñeiro: ''A satisfacción é moi grande ó ver como a xente goza cos festexos''

Isabel Piñeiro.
photo_camera Isabel Piñeiro.

O descanso é ben merecido despois de once anos de traballo como o feito dende a organización das festas das San Lucas, cuxos membros, entre eles a actual presidenta, decidiron deixar o seu cargo para dar paso ás novas xeracións que toman o relevo

a satisfacción polo traballo ben feito é o que motivou o labor da comisión de festas das San Lucas, en Mondoñedo, ó longo dos últimos once anos. Nese tempo a asociación leva organizado un gran número de espectáculos, pero os anos non pasan en balde, polo que agora fai falla a presenza de novas xeracións na organización. Este ano tómase como de transición, de forma que os que levan máis tempo nos festexos amósanlles o funcionamento da comisión ós máis novos. Agora é o momento de descansar para moitos tras unha década de traballo, como é o caso da aínda presidenta Isabel Piñeiro.

Por que deixan moitos membros da comisión o seu posto despois de tantos anos?

Simplemente porque necesitamos un relevo. Levamos once anos na comisión das San Lucas e despois de tanto tempo xa estamos un pouco cansos. Este ano acordamos ter un ano de transición. Primeiro fixemos un chamamento para buscar xente nova que se quixese facer cargo e para elo empregamos as redes sociais con bastante bo resultado. Tamén se uniu a asociación de comerciantes, polo que este ano na comisión hai unhas 14 persoas frente ás 10 do ano pasado, aínda que so 5 repetimos respecto ás últimas festas, precisamente co obxetivo de mostrar os novos como faciamos nós para organizar as San Lucas.

Con que orzamento contan este ano os festexos?

Con preto de 60.000 euros. Este diñeiro o conseguimos a través de varias vías, como a recaudación popular ou as axudas das administracións, aínda que este ano houbo bastantes menos. Tamén obtivemos cartos coa venda de camisetas e o recaudado nos postos. Gustaríame sinalar, ademais, que rematamos este exercizo con superávit, ó igual que fixemos durante todos os anos que levamos na comisión. Temos as contas ó día e non hai ningunha débeda, e o mesmo pasa respecto a As Quedas, que tamén as organizamos nós.

Con que sensación queda a comisión tras tantos anos de traballo?

A sensación é moi boa porque é unha satisfacción moi grande ver como a xente goza coas festas unha vez xa está organizado todo. Gardo moi bo recordo de cando actuou Bustamente, que estaba Mondoñedo cheo. Nos últimos anos vémonos con dificultades porque o Concello xa non pode colaborar con nós, xa que a situación económica é a que é, e tamén quedamos sen a axuda que prestaba o Xacobeo. Penso que agora tamén é importante o labor da asociación de comerciantes, xa que fanse cargo das festas ós que máis lles beneficia, polo que cremos que é moi positivo.

Que pode adiantar das San Lucas?

Aínda queda bastante traballo pero xa se van perfilando algunhas cousas. As festas serán do 15 o 20 de outubro, polo que agardamos bastante xente ó ser a última festa da Mariña. Fáltanos definir o pregoeiro, pero o que é seguro é que o pregón será o día 15 pola mañá. A feira de gando será o martes pola tarde e estamos a traballar na contratación das orquestras; o que si está en marcha é o cartel, que estará adicado a Cunqueiro polo centenario do seu nacemento.

Comentarios