Isabel Pantoja anuncia que a súa filla está embarazada

A tonadilleira Isabel Pantoja anunciou que a súa filla Chabelita, que hoxe cumpre 18 anos, está embarazada "froito dunha relación estable e duradeira de amor", e pediu respecto para a súa intimidade e a do resto da súa familia.

"Debo comunicar con orgullo e sincera alegría que a miña filla, que hoxe cumpre 18 anos, vai agrandar en breve a nosa familia xa que se atopa embarazada. O seu embarazo foi froito dunha relación estable e duradeira de amor, así como plenamente consciente e desexado", reza o comunicado enviado pola artista.

Pantoja lamentou que nas últimas semanas teña que ler e escoitar "con tristeza e indignación" como en distintos medios, de xeito "reiterado e consciente", a intimidade e a honra da súa filla, ata hoxe menor de idade, "resultaba obxecto de explícita burla e mal intencionada murmuración".

Moitos deses comportamentos, engade o escrito enviado a EFE, foron "amplamente difundidos e festexados" a diario por medios audiovisuais "que parecesen utilizar a plataforma a eles publicamente outorgada para violentar dereitos fundamentais de menores de idade".

Por este motivo, anuncia que tanto ela como a súa filla e o resto da familia intentarán, "desde a dor", que o dano producido sexa reparado e que buscará "a protección da intimidade que as leis nos outorgan como a calquera cidadán".

Pantoja reitera o orgullo que supuxo o embarazo de Chabelita e pide consideración "cara a unha persoa nova e ilusionada que afronta a maternidade por vez primeira".

Comentarios