A Irmandade pontesa viaxa a Lesneven en xullo

A Irmandade As Pontes-Lesneven comeza os preparativos para organizar un novo encontro de cidadáns europeos do 28 de xullo ó 7 de agosto na Bretaña francesa, a onde previsiblemente viaxarán uns corenta ponteses.

Ademais dos veciños das Pontes e Lesneven, no intercambio deste ano participarán habitantes de Carmarthen (Gales), Kezmarok (Eslovaquia) e Bad Heilbrunn (Alemaña) nun encontro multinacional con culturas diferentes.

As Pontes está irmandada con Lesneven dende hai máis de vinte anos e entre ponteses e bretóns realizáronse xa máis de trinta intercambios dende que se iniciaron no ano 1991. Neste tempo, participaron nestas viaxes máis de 1.300 persoas de tódalas idades.

Nos encontros, ademais de actividades de carácter cultural e institucional, intercámbianse proxectos e ideas de interese común para as dúas comunidades e para concienciar ós cidadáns da súa pertenza á Unión Europea.

Para estes intercambios, explican dende a irmandade pontesa, a cidade anfitriona solicita unha axuda á Unión Europea, aínda que nos últimos tres anos As Pontes e Lesneven non recibiron subvención algunha, apoio que consideran moi necesario para poder dar continuidade a estas iniciativas culturais.

A Irmandade As Pontes-Lesneven-Carmarthen, entidade cultural organizadora, ten aberto un prazo de inscrición para tódalas persoas que desexen participar neste novo intercambio. Os interesados poden poñerse en contacto coa asociación a través do apartado postal 135 das Pontes, no correo electrónico [email protected] ou chamando ó teléfono 662.39.35.96.

Comentarios