Irma causa devastación en Florida e deixa a millóns de persoas sen luz

Os ventos alcanzaron os 215 quilómetros por hora ► O furacán perde forza e xa é de categoría 2 tras deixar tres mortos en Estados Unidos e uns 30 no Caribe

O potente furacán Irma deixou sen electricidade a case 3,5 millóns de clientes en Florida (Estados Unidos), un 34,74 % do total, tras tocar terra o domingo pola mañá nos Cayos, o extremo sur dese estado.

A oficina de Xestión de Urxencias de Florida informou a última hora do domingo de que os afectados ascenden a 3.484.319 de clientes das compañías eléctricas subministradoras no estado. O condado que sufriu máis cortes eléctricos é Monroe, onde están os Cayos e unha parte da costa do suroeste, cun 83 % dos clientes sen abastecemento. Outro dos condados máis azoutados é Miami-Dade, o máis poboado de Florida, co 81 % do total sen electricidade.

Irma tocou terra na madrugada do domingo nos Cayos de Florida, onde chegou con forza de categoría catro e ventos máximos sostidos de 215 quilómetros por hora, para logo volver tocar terra, máis debilitado, en Marco Island, na costa oeste da península.

O ciclón foi perdendo forza a medida que se despraza cara ao norte descargando a súa maior potencia destrutora na costa oeste de Florida, onde deixou graves inundacións e desfeitas, e actualmente degradouse a un furacán de categoría 2, dun máximo de cinco na escala Saffir-Simpson.

Aínda que Irma se debilita, ao seu paso deixou, segundo as autoridades, unha "crise humanitaria" nos Cayos, devastación e a ameaza de perigosas marusías.

Ata o momento, só se informou da morte de tres persoas por mor de Irma en Florida, pero témese que a cifra de falecidos aumente unha vez as condicións meteorolóxicas permitan o traballo dos equipos de socorro. Antes de chegar a Florida con categoría 5, o ciclón causou unhas 30 mortes e cuantiosos danos materiais ao seu paso polo Caribe.

As autoridades de Florida ordenaron a evacuación de 6,3 millóns de persoas ante a chegada do furacán e, aparte do éxodo masivo de residentes que abandonaron o estado, miles acudiron aos refuxios habilitados para protexerse do ciclón.

Comentarios