Interior insiste: ''A Garda Civil non fixo nada mal ata que se demostre o contrario''

O ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, afirmou hoxe que na traxedia da fronteira de Ceuta o pasado 6 de febreiro, na que faleceron quince inmigrantes subsaharianos, a Garda Civil "non fixo nada mal mentres non se demostre o contrario".

Nunha rolda de prensa ofrecida en Melilla, o ministro quixo reiterar a "dor" que provocou esta traxedia, da que hoxe se cumpre un mes, pero defendeu, unha vez máis, a "extraordinaria profesionalidade e proporcionalidade" coa que traballa a Garda Civil para evitar as entradas masivas de inmigrantes. Ademais, afirmou que acusar como se acusou os axentes do instituto armado de ter "responsabilidade" nas mortes destas persoas é non só "inxusto", senón que, ademais, é "inmoral".

O ministro sinalou que esta mesma idea xa lla transmitiu á comisaria europea de Interior, Cecilia Malmström, á que invitou a visitar as dúas cidades autónomas, ao Congreso durante a súa comparecencia, e reiterouna onte durante a súa visita a Ceuta. "Direino onde faga falta", afirmou o titular de Interior, que reiterou que unhas acusacións como as que se lanzaron non se poden consentir e que se produciron ante un feito que non ocorrera nunca, que foi unha "unidade de actos" cun intento de asalto masivo, primeiro por terra e logo por mar. Recordou que a Garda Civil ten o título de ''benemérita", un cualificativo que se gañou a base de salvar vidas, aínda a risco e entrega das dos propios axentes e sempre dentro dun labor que ten como basee o "respecto aos dereitos humanos".

Segundo Fernández Díaz, só nos dous primeiros meses do 2014, a Garda Civil rescatou no mar 209 inmigrantes, un número que ascendeu a 3.454 persoas en todo o 2013. Por iso, pediu a quen realizan manifestacións contra a Garda Civil que sexan "máis responsables", e destacou a "absoluta transparencia" que se seguiu tras a traxedia da fronteira ceutí porque "non hai nada que ocultar".

Fernández Díaz aludiu a profesionalidade e abnegación coa que traballan as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, algo que os cidadáns valoran, ao situar a Policía Nacional e a Garda Civil como as institucións mellor valoradas. Aínda que dixo que este aspecto non é mérito do ministro, si recoñeceu que se trata dunha cuestión que lle honra, xa que o labor que realizan ten moito que ver coas garantías de liberdade dos cidadáns.

Para o ministro, a inmigración ten unha dimensión humana e dramática, que el mesmo comprobou no Centro de Estancia Temporal de Inmigrantes (CETI) de Melilla, actualmente saturado, e onde se interesou pola situación particular de varios inmigrantes, que non quixo facer pública.

Segundo Fernández Díaz, que se comprometeu a aliviar a presión asistencial do centro, os inmigrantes son "vítimas do tráfico criminal" dunhas mafias que "abusan" destas persoas, que son "enganadas" e que o único que buscan é un lugar onde vivir "conforme a dignidade".

O titular de Interior recoñeceu que Melilla, cunha presión migratoria que recorda á do ano das avalanchas, está a vivir "momentos difíciles", motivo polo que persoalmente quixo facer chegar o "apoio e a proximidade" do Goberno.

Comentarios