Intercambios que dan valor

Os adestradores do club Dez Portas de tenis de mesa e a regueifeira Josefa Cabado visitaron o centro de día de Begonte e, no de Ababín, os alumnos do Ceip Aquilino Iglesia Alvariño trocaron tapóns por manualidades dos usuarios

Os centros de día de Begonte e de Abadín veñen de promover sendas xornadas de intercambio que lles permiten sacar os usuarios da súa rutina e tamén achegar o traballo que se fai nestas instalacións ao exterior.

No de Baamonde, os maiores gozaron dunha dobre visita grazas á xornada Aprendizaxe Solidaria, na que trocan os saberes do visitante por algo que poidan ofrecer os usuarios, coma contos ou agasallos manufacturados.

Nesta ocasión, o intercambio foi dobre. Pola mañá acudían os adestradores do club de tenis de mesa Dez Portas de Lugo, Adrián Expósito e Morufu Ahmed, que lles explicaron aos usuarios a que se dedican e fixeron xogos con eles para familiarizalos co tenis de mesa, ademais de ofrecerlles unha exhibición.

No club amosaron a súa satisfacción por poder sumarse á iniciativa, xa que teñen un proxecto para colaborar con distintas asociacións e achegar o tenis de mesa a persoas maiores, con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Xa pola tarde, foi a veterana regueifeira guitiricense Josefa Cabado, de San Salvador, a que intercambiou coplas, ditos e saberes populares cos usuarios do centro de día de Begonte.

En Abadín, a actividade permitiu aos pequenos do Ceip Aquilino Iglesia Alvariño compartir un rato cos usuarios do centro de día, ademais de participar nunha iniciativa solidaria.

Os nenos chegaron á instalación cargados de tapóns para mercar un máximo de tres produtos elaborados polos maiores ao longo dos últimos dous anos, nos obradoiros de manualidades e reciclaxe que se promoven no centro.

Flores, chaveiros, imáns ou bonecas foron algúns dos obxectos que os nenos intercambiaron por tapóns, que se recolleron neste mercado solidario co obxectivo de envialos ao banco de Lugo.

A terapeuta Vanessa Hermida valorou este intercambio interxeracional, non só «por darlle saída ás manualidades», senón tamén porque os usuarios «atópanse xenial» cando comparten tempo cos nenos.

Comentarios