Instalarán prototipos para solucionar os problemas de néboa na A-8

Fomento valorará un total de 26 propostas tras asinar un convenio co Ministerio de Economía

Os ministerios de Fomento e Economía asinaron este xoves un convenio de colaboración para financiar a Compra Pública Innovadora (CPI) que permitirá a instalación de prototipos no tramo da Autovía do Cantábrico (A-8) entre Mondoñedo e Abadín, no Alto do Fiouco, para tratar de buscar unha solución adecuada aos problemas de seguridade que ocasionan a miúdo os densos bancos de néboa e que obrigan a cortar o tráfico.

Mediante a próxima licitación desa CPI, informa o Ministerio de Fomento, abordarase o deseño e a propia experimentación con prototipos innovadores, co obxectivo final de "validar a súa futura implantación sobre a estrada para minimizar os efectos adversos producidos sobre o tráfico pola néboa densa".

A firma deste convenio permitirá a cofinanciación do proxecto, a través da liña de Fomento de Innovación Empresarial desde a Demanda, por parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Na Consulta Preliminar de Mercado (CPM), o propio Ministerio de Fomento recibiu un total de 26 propostas de acordo co procedemento establecido.

As distintas solucións innovadoras propostas varían desde sistemas de detección e axuda á condución ata sistemas de illamento, eliminación ou desprazamento da néboa.

Os resultados desa consulta, de feito, permitiron concretar as prescricións técnicas e administrativas para licitar a colocación dos prototipos sobre o terreo.

Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, precisa Fomento, procederase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas antinéboa seleccionados.

Comentarios