Iniciados os estudos previos para a intermodal

Varios técnicos realizaron levantamentos topográficos e medicións do tráfico nas rúas próximas á parada do tren
Un técnico realizando ayer levantamientos topográficos en la vía férrea
photo_camera Un técnico realizando ayer levantamientos topográficos en la vía férrea

Técnicos dunha consultora coruñesa realizaron o venres o levantamento topográfico e a toma de datos de tráfico na estación do tren da capital lucense e as súas inmediacións.

Estes traballos forman parte dos estudos previos contratados pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda para determinar cal será o emprazamento máis indicado para situar a estación intermodal, tan demandada en Lugo, onde confluirán as liñas ferroviarias e de transporte de viaxeiros por estrada.

O levantamento topográfico fíxose dunha superficie de 15.200 metros cadrados e os datos sobre a circulación tomáronse nas vías públicas que están próximas á estación do ferrocarril entre a unha e as dúas do mediodía, que é a hora á que se estima que o tráfico é máis intenso na zona.

Os técnicos instalaron dous cámaras de vídeo e outros 13 dispositivos pneumáticos e manuais para rexistrar a información nas rúas Río Eo, Río Sil, Alta, Miguel de Cervantes, Castelao, Montero Ríos, San Eufrasio, Praza Conde de Fontao e Ponte Romai, entre outras.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda adxudicou no pasado mes de maio por uns 55.000 euros este estudo técnico previo da estación intermodal de Lugo. O seu prazo de execución é de seis meses.

Os traballos topográficos e os datos do tráfico, que irán acompañados dunha proposta de itinerarios dos buses, puntos de parada no termo municipal, tempos e planos, son dous dos eixos sobre os que virará o estudo encargado para integrar a estación de autobuses da capital lucense na do ferrocarril, que distan actualmente 950 metros unha da outra.

Tamén abordará as necesidades da intermodal, como o número de dársenas que precisan os autobuses, as plataformas, os servizos a prestar, o espazo para que manobren os vehículos de transporte, as prazas de aparcadoiro ou a accesibilidade.

Tamén analizará o impacto que pode ter a estación na contorna, o número actual e futuro de viaxeiros, pautas de mobilidade ou perspectivas de usos futuros.

O levantamento topográfico fíxose de 15.200 metros cadrados e o tráfico mediuse con dous cámaras e 13 dispositivos

E para rematar determinará os edificios que se verán afectados as obras ou o custo económico que terá a integración da estación de autobuses na do ferrocarril.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda defende a intermodalidad, porque, ao seu xuízo, reporta beneficios aos viaxeiros, que poden elixir os servizos e horarios que máis lles conveñan e cambiar nas mesmas instalacións do autobús ao tren sen ter que desprazarse.

Ritmo lento. O proxecto da estación intermodal da capital lucense está aínda verde. Vai máis atrasado que o doutras cidades galegas, como Ourense ou A Coruña.

Os grupos da oposición, En Marea, PSdeG-PSOE e BNG, criticaron esta semana o importe da partida contemplada para esta infraestrutura nos Orzamentos da Xunta para 2018, que non supón grandes avances.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten orzada para o próximo exercicio unha partida similar á investida este ano, 52.516 euros. Esa contía duplicaraa en 2019, segundo as estimacións que realiza o Goberno galego nas contas que presentou recentemente.

Os Orzamentos prevén que en 2020 a administración autonómica destinará 4.940.000 euros, o que supón o 96% do importe total en que cifra que custará esta infraestrutura.

Comentarios