Inditex reforza o comercio electrónico dados os bos resultados

As vendas de Inditex en termos comparables (tendas que levan abertas máis dun ano) creceron no primeiro trimestre en todas as áreas xeográficas nas que opera e que a compañía divide en: España, resto de Europa, América e Asia.

"As nosas vendas like for like creceron fortemente en todos os mercados", afirmou hoxe o presidente do grupo, Pablo Isla, quen explicou que reforzarán a súa estratexia en comercio electrónico coa apertura de novos almacéns para as tendas online e a entrada de Zara no centro comercial virtual chinés Tmall.

Con estas declaracións, o presidente de Inditex, Pablo Isla, confirma que as súas vendas no país manteñen a tendencia á alza que iniciaron no segundo semestre de 2013, cando creceron o 3 %.

O máximo executivo de Inditex explicou que a entrada en Tmall mostra a relevancia que ten para o grupo o mercado chinés, onde, subliñou, seguirá operando a través das súas propias tendas virtuais e físicas. "Estar en Tmall será moi positivo e moi apreciado polos nosos usuarios chineses", apuntou Isla, quen subliñou que mentres en 2012 e 2014 o esforzo investidor de Inditex centrouse en reforzar a súa loxística, nos próximos anos centrarase en aumentar o espazo de venda.

Ese esforzo en loxística levou a apertura de almacéns específicos para atender ás súas tendas online, o que permite reducir custos e tempos de entrega, destacou Isla. Actualmente, a firma ten almacéns para comercio electrónico en Madrid, Reino Unido, Rusia, Polonia, Tokio, Xangai, Boston e Los Ángeles. En setembro, sumaranse instalacións en México e en Seúl (Corea do Sur), para apoiar o desembarco online de Zara ese mesmo mes.

A pesar da insistencia dos analistas, Isla rexeitou detallar a porcentaxe de vendas que logran a través de internet, á vez que insistiu en que a actividade online e en tendas físicas compleméntanse e en que a compañía mantén posibilidades de crecemento "multicanal e multiconcepto".

Inditex gañou no seu primeiro trimestre fiscal (febreiro a abril) 406 millóns de euros (uns 550 millóns de dólares), o 7,3 % menos que en igual período de 2013, lastrado, entre outros motivos, pola apreciación do euro fronte ás moedas dalgúns dos mercados nos que opera.

Esta é a primeira vez desde o primeiro trimestre de 2009 que o xigante da distribución téxtil non ve crecer o seu resultado neto en termos trimestrais. As vendas totais do grupo ascenderon a 3.748 millóns de euros, o 4 % máis que no primeiro trimestre de 2013. En moeda local, o aumento foi do 11 %.

Comentarios