Indignación polo corte e as colas na A-8, que volveu pechar pola néboa

As redes sociais reciben numerosos comentarios con queixas dos usuarios dunha autovía que quedou inutilizada dúas veces este luns
Camiones en medio de la niebla en O Fiouco
photo_camera Camiones en medio de la niebla en O Fiouco

O Alto do Fiouco da Autovía do Cantábrico (A-8) apenas permaneceu este luns aberto oito horas polo día, volveu pechar unha hora e media pola noite e reabriu de novo cara ás dez e media, sen que ao peche desta edición se tivera claro que ocorrería de madrugada. Os usuarios da infraestrutura fixeron chegar ao Facebook do Progreso A Mariña os seus comentarios a modo de queixa polas colas quilométricas que se formaron a tarde do domingo na N-634, desde Lourenzá a Abadín, en pleno regreso das praias e o traxecto cortado de novo pola néboa.

"Subscríboo. Tocoume sufrir a caravana ata pasar de Abadín! Non entendo nada. Fíxose a autovia para evitar A Xesta, e cando hai problemas, xusto ese tramo é o que tes que pasar SÍ ou SÍ!", lamenta unha veciña de Lugo, nun dos comentarios recibidos na rede social do Progreso A Mariña. "Nai miña a que se leou", comenta outra veciña de Mondoñedo. Unha vilalbesa matizaba: "Esa autovía está feita por encima da montaña. Por que non a fixeron máis abaixo? Para que están os que a deseñan? E cando fai moito vento, lévate o coche para o outro carril ou contra o valo", denuncia. Outro internauta sinala: "As autovías fanse para desconxestionar o tráfico e esta en concreto fai ese labor pero ao contrario. De pena".

"Que desastre" ou "isto é xa de vergoña" comezan a ser frases recorrentes por parte dos usuarios con respecto aos peches do tramo da A-8 que salva Mondoñedo. Prevese que o problema circulatorio se repita ou incluso se agrave durante os fins de semana coas festas, se hai néboa.

Comentarios