Independentismo e centralismo perderon adeptos no último semestre

Os españois partidarios dun Estado no que se recoñeza ás comunidades autónomas como estados independentes e os que avogan por un único Goberno central sen autonomías descenderon nos últimos seis meses, segundo o barómetro do CIS feito público hoxe.

Os datos do estudo correspondente ao pasado decembro reflicten que a un 8,5 % gustaríalle que se recoñecese ás comunidades autónomas a posibilidade de converterse en estados independentes, a mesma porcentaxe que o mes anterior, pero máis dun punto por baixo que o 9,7 % rexistrado en xullo.

Na mesma proporción baixa o número de cidadáns que se mostra máis de acordo cunha organización territorial centralista e sen autonomías: un 22,1 %, igual que o mes anterior, pero máis dun punto por baixo do 23,3 de xullo.

Respecto dos que se decantan por un Estado no que as comunidades teñan menor autonomía que na actualidade, o barómetro de decembro sitúaos no 11,8, por baixo do 12,2 do mes anterior e do 13,3 de hai seis meses.

Namentres, aumentan respecto ao mes anterior os que din preferir que a organización territorial se manteña con comunidades autónomas como na actualidade: o 31,7 %, fronte ao 30,5 de novembro, aínda que non chega ao 32,6 de xullo.

Pola súa banda, un 13,3 % móstrase de acordo cun Estado no que as comunidades teñan máis autonomía que agora, o que supón unha porcentaxe similar ao 13,1 % do mes anterior e superior ao 12,2 rexistrado en xullo.

En canto aos sentimentos, o barómetro de decembro do CIS indica que a maioría dos españois -o 51,5- séntese tan español como da súa comunidade autónoma, mentres que o 18,3 séntese  unicamente español; o 11,9 séntese máis da súa comunidade; o 6,7 séntese unicamente dela e o 4,9 séntese máis español que do seu xentilicio.

Comentarios