Imputado un pontés por un incendio en Xermade

A Policía Autonómica en Lugo informou este luns da imputación dun veciño do municipio coruñés das Pontes como presunto autor dun incendio forestal por imprudencia en Xermade (Lugo).

O lume que se lle imputa produciuse o pasado 14 de abril na parroquia de Cabreiros, no municipio de Xermade, a consecuencia dunha queima realizada de xeito "neglixente", segundo informa a Vicepresidencia da Xunta, "ao non adoptar as medidas de seguridade preventivas establecidas na lei".

As chamas causadas por este incendio forestal afectaron a unha superficie de 8.000 metros cadrados, dos cales 7.000 eran de monte arboledo.

Tanto na extinción como nos labores de investigación, segundo sinala a Xunta, "foi fundamental a colaboración" dos axentes da brigada do distrito forestal X-Terra Chá, que axudaron a que as chamas non se propagasen máis.

No que vai de ano, xa son 24 as persoas detidas ou imputadas pola Policía Autonómica por delitos relacionados cos incendios forestais en Galicia.

Comentarios