Importante tanto de Wayne Rooney

O Real Madrid e o Manchester City lograron a clasificación matemática para os oitavos de final da Liga de Campións coas súas vitorias sobre o París Saint Germain (1-0) e o Sevilla (1-3). Foi, no entanto, un pase ben distinto.

O Sevilla segue con vida, aínda que con escasas opcións, porque o Juventus non gañou en Mönchengladbach ao Borussia, onde se rexistrou empate a un. O conxunto alemán, lanzado na Bundesliga tras a substitución de adestrador, incluso se adiantou no marcador por medio do germanoestadounidense Fabian Johnson (m.18), pero xusto antes do descanso o suízo Stephan Lichtsteiner aproveitou unha asistencia do francés Paul Pogba para igualar. Os actuais subcampións de Europa quedaron en inferioridade numérica aos 53 minutos por expulsión do brasileiro Hernanes por unha dura acción sobre o español Álvaro Domínguez, pero sacaron un punto que lles vale para situarse moi preto de oitavos.

O Borussia tratará de loitar por pasar á Liga Europa co Sevilla, que aínda podería clasificarse, pero necesita gañar os seis puntos e que o Juventus perda os seus dous encontros.

O Atlético de Madrid non foi capaz de gañar en Astana (0-0) nun mal partido, co que entregou a iniciativa do grupo C ao Benfica, que superou por 2-1 ao Galatasaray. Aos lisboetas custoulles superar na Luz ao 'Galata'. Os brasileiros Jonas e Luisao conseguiron os tantos para as 'aguias' ante un rival que non soubo aproveitar o gol do alemán Lukas Podolski, que significaba o empate, porque xurdiu o veterano central para desequilibrar a contenda.

O Manchester United fíxose co mando do grupo B mercé á súa vitoria sobre o CSKA Moscova por 1-0 con gol de Wayne Rooney e á do PSV ante o Wolfsburgo (2-0). O grupo está moi emocionante, porque entre os 'reds', que teñen sete puntos, e o CSKA, pechacancelas, hai tan só tres de diferenza. O PSV igualou o 2-0 sufrido en Wolfsburgo a pasada xornada cos goles de Jurgen Labadia e Luuk de Jong, ambos no segundo período. Ao United, con Juan Mata de enganche, custoulle salvar os puntos en Old Trafford. De feito, David de Gea evitou o 0-1 xusto antes de que Rooney marcase de cabeza a pracer cando o partido se encamiñaba cara ao final.

Comentarios