A II Semana do Libro e da Lectura de Lugo inclúe obradoiros de teatro e rap

Onte presentouse a II Semana do Libro e da Lectura que organiza a Área de Cultura da Deputación, que arrancará o vindeiro domingo no Pazo de San Marcos ás 12.00 horas coa presentación do CD/DVD ‘Abracadabras’, do grupo Pirilampo e con letras de Marica Campo, e rematará o venres día 15 coa proxección da serie audiovisual de OQO Editora ‘Caracois’ como clausura.

La II Semana do Libro e da Lectura oferta un total de nove obradoiros de animación á lectura, de teatro, de expresión corporal, escrita creativa, oralidade, regueifas, de expresión corporal de rap, de ‘beatbox’ e de construcción de monicreques polas mañás desde o luns ata o venres, en horario lectivo, dirixidos a nenos e nenas de primaria e primeiro de ESO.

As actividades para público en xeral son dirixidas a familias, que poderán disfrutar delas a partires das 18.30 horas, e pretenden amosar a parte máis lúdica da lectura.

As familias poderán disfrutar de cinco obradoiros de contacontos, teatro e títeres, ademais a presentación do audiovisual Caracois de OQO Editora, que clausurará o venres esta edición da II Semana do Libro e da Lectura de Lugo.

A mostra compleméntase coa exposición permanente de ilustradores e ilustradores e dos materiais elaborados polo alumnado dos centros de ensino participantes.

No acto de presentación desta semana participaron Antón Bao, vicepresidente da Deputación de Lugo, e Dores Silveira, membro da directiva da ASPG, entidade organizadora das xornadas.

Como afirmou Antón Bao, «esta semana tivo un grande éxito na súa primeira edición, e nesta tamén o está a ter, xa que todas as horas que os centros de ensino tiñan dispoñibles para traeren aos alumnos e alumnas están ocupadas, co cal ao longo dalgunhas mañás da semana que vén pasarán polo Pazo de San Marcos ao redor de 400 nenos e nenas dos centros de ensino de Lugo».

Pola súa banda, Dores Silveira sinalou que «dende a ASPG, concibimos a semana cun triplo obxectivo: conmemorativo, social e cultural». O aspecto conmemorativo queda reflectido nas datas da celebración, en abril, «que consideramos o mes do libro xa que o día 2 de abril é o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, e o 23 é o Día do Libro». A vertente cultural fai fincapé na importancia que ten a lectura no desenvolvemento cultural dos nenos e nenas. A parte social implica a busca da colaboración das familias na formación dos futuros lectores.

Comentarios