Igualdade defende a súa campaña contra a violencia machista: "Non cousifica á muller"

López Abella asegura que a polémica imaxe, que espertou as críticas da oposición, pon á muller "nun plano superior"
Balseiro y Susana López Abella
photo_camera Balseiro y Susana López Abella

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, defendeuse este luns das críticas vertidas por varios grupos da oposición e diversos colectivos feministas á campaña institucional da Xunta para sensibilizar á opinión pública sobre a necesidade de loitar contra a violencia de xénero de cara ao día mundial contra esta lacra, que se celebra o 25 de novembro.

Fronte ás críticas a esa campaña, que falan de "unha cousificación" da muller, Susana López Abella, negou a maior e asegurou que a imaxe e slogan "pon á muller nun plano superior" mediante unha "licenza publicitaria".

Precisou que se trata dunha continuación da campaña financiada pola Xunta con motivo do Día Internacional da Muller, cando o lema era "As mulleres: ou máis grande de Galicia".

Por iso, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a mensaxe é "O máis grande de Galicia non se maltrata". "Para nada cousifica á muller", dixo López Abella, senón que as sitúa "nun plano superior", dado que é "unha chamada de atención aos homes" fronte a un "empoderamento das mulleres", cunha mensaxe "directa e clara". "Toda valoración é respectable", engadiu, e "poida que non sexa ben entendida, pero eu defendo esta campaña".

De feito, asegurou que na súa elaboración participaron persoas que levan moitos anos traballando no ámbito da loita contra a violencia de xénero.

Comentarios