Iglesias reclama a Eduardo Inda 250.000 euros e unha desculpa pública

O líder de Podemos acusa ao xornalista de intentar alterar as eleccións ao publicar que Venezuela lle pagou 270.000 euros a través dun paraíso fiscal
Pablo Iglesias y Eduardo Inda
photo_camera Pablo Iglesias y Eduardo Inda

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, presentou este mércores ante os xulgados de primeira instancia de Madrid unha demanda por intromisión no dereito á honra contra OkDiario, o seu director, Eduardo Inda, e contra o xornalista Francisco Mercado, que escribiu a noticia na que se lle acusaba de ingresar uns 270.000 euros de Venezuela a través dun paraíso fiscal en 2014. O líder da formación morada asegura que é falso que recibise eses cobros ilegais e reclámalles unha indemnización de 250.000 euros por "danos á honra e á dignidade persoal, profesional e política". Ademais, esixe que Inda lle pida desculpas publicamente nos programas de La Sexta onde se fixo eco das acusacións, nas redes sociais e no seu dixital.

No texto da denuncia, Iglesias acusa aos xornalistas de non verificar os feitos coa "mínima dilixencia esixible" e de utilizar datos falsos para intentar "alterar a formación da vontade electoral" ante a repetición dos xenerais o próximo 26 de xuño. Así, sostén que "os documentos utilizados para xustificar a noticia foron copiados de internet, concretamente dun vídeo de Youtube".

"Nin o Sr. Iglesias Turrión, nin ningún membro da súa familia, teñen nin tiveron xamais contas bancarias en paraísos fiscais, nin recibiron transferencias bancarias a través de contas creadas en paraísos fiscais, nin operaron nunca con entidade bancaria ou financeira algunha que opere en paraísos fiscais", alega no escrito, no que reclama ademais que a empresa editora lle abone "os beneficios obtidos pola publicidade xerada no seu portal web por mor da publicación das noticias difamatorias obxecto desta demanda" e que "cese na divulgación das noticias litigiosas".

Comentarios