Ibrahimovic: "Son o McGregor do fútbol"

O futbolista do Manchester United compárase co púxil irlandés

Zlatan Ibrahimovic, futbolista do Manchester United, comparouse este sábado co peleador irlandés de artes marciais mixtas Conor McGregor e apostou por el no combate nas Vegas fronte a Floyd Mayweather.

A pesar de que McGregor (0-0) debutará como boxeador e enfrontarase a un dos máis grandes da historia, Zlatan cre que "a súa forza e a súa confianza" pódenlle dar o triunfo. "Conor ten forza e pódete noquear desde calquera ángulo. E ten confianza en si mesmo, coma min", dixo o sueco, nunha entrevista coa páxina web SportBible. "É o Ibrahimovic das artes marciais e eu son o McGregor do fútbol. Véxoo con moita confianza e vai gañar", engadiu.

O venres, tanto o estadounidense Mayweather (49-0) como McGregor superaron sen problema a pesada oficial -o peso límite para ambos estaba en 69,9 quilos- no T-Mobile Area das Vegas, onde se enfrontarán na categoría de mediano júnior.

Mayweather, de 40 anos, deu 67,873 quilos, mentres que McGregor, de 29, marcou 69,462. "Cre moito en si mesmo. Ademais, como digo eu, en todo o que fas a parte mental é o 50 %. Se tes a cabeza a punto e no teu sitio podes conseguir o que queiras. E non podemos esquecer que é moi habilidoso. Confío moito en Conor", asegurou Ibrahimovic.

Comentarios