Holanda denega o permiso de aterraxe ao ministro de Exteriores turco

O Goberno holandés alega que a presenza de Mevlüt Çavusoglu no país "conlevaría riscos para a orde pública e a seguridade"

O Goberno holandés denegou este sábado o permiso de aterraxe no seu territorio ao avión no que viaxaba o ministro de Exteriores turco, Mevlüt Çavusoglu, ao alegar que a súa presenza "levaría riscos para a orde pública e a seguridade", informou o gabinete.


Nun comunicado, o Executivo holandés explicou que han intentando buscar unha alternativa en conversacións coas autoridades turcas, pero que finalmente non tivo outra opción que prohibir a aterraxe do avión no que viaxaba Cavusoglu.

Unha fonte do Ministerio holandés de Exteriores confirmou a Efe esta medida, coa que se impide que o ministro acuda ao acto de campaña previsto para hoxe en Róterdan para pedir o voto a favor do "Si" no referendo constitucional convocado por Ankara.

Trátase dun novo capítulo na tensión diplomática entre os dous aliados da Otan sobre o referendo promovido polo presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, para reformar a Constitución e converter Turquía nunha república presidencialista.

Antes de partir de Istambul, Çavusoglu dixo que Holanda o ameazou con retirar o seu permiso para voar a Róterdan, onde tiña previsto intervir nun mitin político sobre o referendo constitucional e vaticinou "duras sancións" se se producía esa prohibición.

"Ameazáronme dicindo: "E que se anulamos o permiso de voo? Agora Róterdan... Irei hoxe. É incrible, son prácticas fascistas. Todos. Non hai diferenza entre o primeiro ministro e (Geert) Wilders (o líder da ultradereita holandesa). Un é liberal, o outro fascista", dixo o xefe da diplomacia turca. 

Comentarios