Ganduxando a historia

Manuel Vaquero y tres arqueólogas, en la cueva de Valdevara I, ayer en Becerreá (Foto: Sebas Senande).
photo_camera Manuel Vaquero y tres arqueólogas, en la cueva de Valdevara I, ayer en Becerreá (Foto: Sebas Senande).

Arqueólogos das universidades de Santiago e Tarragona afánanse para desvelar o pasado dos habitantes das montañas lucenses.

hai unhas covas en Becerreá que lonxe de ser misteriosas están a arroxar luz sobre unha historia, a dos habitantes das montañas lucenses da Prehistoria. Con todo, non deixan de ser enigmáticas, pois soltan a súa información con contagotas, mantendo o suspense, a golpe do pincel dos arqueólogos que as peitean.

É o quinto ano que o equipo de Manuel Vaquero traballa nas covas de Valdevara e o segundo que escavarán nunha canteira próxima. Nas catro campañas precedentes foron sumando probas, gardando con esmero cada achado, ganduxando detalles que lles permitiron constatar a existencia de asentamentos humanos de ata 20.000 anos atrás e reconstruír os seus hábitos de vida.

Nas dúas covas -Valdevara I e II- e a zona exterior que as conecta apareceron indicios de ocupación humana de distintas épocas. Os máis antigos datan do Paleolítico, do período Magdaleniense. Estes achados son moi importantes porque son os únicos atopados en Galicia ata o momento. Manuel Vaquero explica que todo facía indicar que no noroeste tivo que haber grupos nómades nesa época, pero ata agora non había constancia documentada.

Son tamén significativos os achados da gruta Valdevara II, onde se atopou un enterramento infantil con restos de varios individuos, datado na Idade de Bronce.

Esta variedade cronolóxica dos achados permitiu reconstruír a secuencia da presenza humana na zona ata fai uns 20.000 anos. Os restos do Paleolítico dan conta de grupos nómades de cazadores que se instalaban nas covas e marchábanse cando se acababan os recursos. Os asentamentos do Neolítico mostran xa poboacións estables de agricultores e gandeiros, que nalgún momento utilizaron as covas como lugar de enterramento.

As grutas arroxaron tamén pezas curiosas como colgantes realizados con cunchas, que demostran o carácter nómade das poboacións do Paleolítico. Manuel Vaqueiro explica que as covas de Becerreá forman parte dunha franxa calcaria que vai desde o Cantábrico ata León, na que tamén se atopan as escavacións do Courel, a Cova Eirós (Triacastela) ou a de Valiña (Castroverde). Cre que os poboadores desta zona poderían desprazarse pola conca do río Navia ata o mar.

Os restos de animais que se foron atopando son moito máis antigos que os humanos. Nas covas apareceron ósos de ata 40.000 anos de antigüidade. Na canteira, os achados datan de 100.000 anos atrás.

Manuel Vaquero e Susana Alonso dirixen esta escavación subvencionada polo Concello de Becerreá e na que participan as universidades de Santiago e Rovira i Virgili de Tarragona. Tres estudantes traballan con eles. «Nós non temos vacacións», comenta Vaquero. Durante este mes traballarán na cova de Valdevara I, en xullo trasladaranse á canteira e durante o inverno estudan, catalogan e interpretan o material atopado no verán.

O traballo non cesa porque os achados son constantes. Cada día aparecen pequenos restos de cerámica, de útiles de pedra ou de ósos humanos e animais. Ademais, toda a terra que moven para ir profundando na escavación trasládana ao laboratorio que instalaron en Becerreá, onde a lavan para non perder nin o máis mínimo detalle.

A escavación deste verán ten como obxectivo determinar se hai niveis inferiores aos xa atopados con restos significativos e marcará o rumbo das campañas dos próximos anos.

CONTEXTO
Montañas con gran potencial arqueolóxico

As covas de Valdevara atópanse nunha montaña calcaria onde abundan as grutas. Manuel Vaquero considera que é «unha zona de gran potencial arqueolóxico».

Os primeiros achados realizounos un grupo de arqueólogos de Becerreá nos anos 60, entre os que se atopaba Carmelo Alonso, pai da actual codirectora da escavación, Susana Alonso.

Concienciación

Manuel Vaquero cre que é importante concienciar á poboación do valor histórico destes restos. «É fundamental a colaboración da xente porque resulta difícil descubrir estes lugares. Pode haber centos de buracos, pero a vexetación cóbreo todo e é imposible adiviñar por onde hai que buscar».

Comentarios