Hernando responde a Gómez-Limón: ''É improcedente culpar ao presidente de ADIF''

O portavoz adxunto do PP no Congreso, Rafael Hernando, respondeu á deputada autonómica do seu partido, Teresa Gómez-Limón, subliñando que é "improcedente" tratar de culpar ou responsabilizar ao presidente de ADIF do accidente ferroviario de Santiago.

En declaracións ao programa Al rojo vivo vivo da Sexta, Hernando asegurou que entende que Gómez-Limón -deputada da Asemblea de Madrid que resultou ferida neste accidente e que responsabilizou do sinistro non só ao maquinista senón tamén aos máximos responsables de Fomento, Renfe e ADIF- é "unha vítima directamente afectada" e desexoulle a súa "pronta recuperación".

No entanto engadiu que non comparte a súa opinión neste asunto, e considerou "absolutamente improcedente" que se pretenda considerar responsable da seguridade deste tramo, que se inaugurou en novembro de 2011, ao actual máximo dirixente de Adif.

Teresa Gómez-Limón remitiu unha carta a Hernando na que lle acusa de haberse convertido nun "representante dos intereses" de ADIF e Renfe.

Doutra banda, Rafael Hernando asegurou que el en ningún momento citou ao exministro de Fomento José Blanco como responsable do sinistro, senón que só puxo en evidencia" o que xa relataron no Congreso os actuais responsables de infraestruturas.

E é que, en relación con ese tramo, "producíronse unha serie de cambios que afectaban ao trazado", engadiu.

"Eu non son o que di que eses cambios afecten á seguridade. Quero pensar que non", sinalou o portavoz adxunto do PP, quen engadiu non obstante que lle parece improcedente que se responsabilice aos actuais dirixentes dun tramo inaugurado hai case dous anos.

En calquera caso, Rafael Hernando subliñou que "o responsable evidente" do accidente do tren de Santiago "é o condutor", en alusión ao maquinista Francisco José Garcón.

E "a partir de aí", engadiu, creouse unha comisión que "vai afectar á seguridade do conxunto dos trens" do sistema ferroviario español, un "dos máis modernos do mundo".

Comentarios