Dous sinistros rexistrados en Monforte deixan un ferido grave e cuantiosos danos en vehículos

Un home foi atropelado no centro da cidade e un coche impactou contra outros tres que estaban estacionados na Rúa Ourense

A cidade do Cabe viviu unha mañá de sábado desafortunada debido a dous accidentes ocorridos nas vías públicas. 

Por unha banda, un home de 55 anos, natural de Bascós e residente en Monforte, resultou ferido grave nun atropelo no centro da cidade. O sinistro tivo lugar sobre a unha da tarde deste sábado na Avenida de Galicia, á altura do número 7. O peón cruzou a calzada de xeito repentino por un lugar non habilitado para iso e un condutor que circulaba en dirección á estrada de Chantada non puido esquivalo. 

A vítima sufriu un forte golpe na cabeza, foi atendido nun primeiro momento por un médico que pasaba pola rúa e pola camareira dun bar con formación no ámbito sanitario. En poucos minutos chegou unha ambulancia do 061 que o evacuou ao hospital comarcal. A Policía Local encargouse de regular o tráfico e levantar ateigado. 

APARATOSA COLISIÓN. Ademais, catro vehículos esnaquizados é o resultado dun espectacular accidente que tivo lugar de madrugada en Monforte, na Rúa Ourense, poucos metros antes da rotonda da rolda urbana. Non houbo que lamentar feridos pero os danos materiais son cuantiosos.

O accidente tivo lugar sobre as cinco da mañá cando unha muller circulaba en dirección a Pantón nun Citröen C4. Por causas que se descoñecen, á altura dun paso de peóns elevado perdeu o control do coche, foise cara á esquerda e impactou contra tres turismos estacionados que pertencen a diferentes residentes na rúa.

O golpe foi tan virulento que aos dous primeiros vehículos desprazounos varios metros e un deles acabou montado na beirarrúa. O terceiro tamén tiña danos no frontal. O Citröen que provocou os danos foi evacuado por un guindastre porque quedou no medio da calzada pero esta mañá aínda estaban no punto dous dos catro turismos implicados.

Comentarios