Achado o corpo sen vida dunha muller no río Sor

A vítima de avanzada idade foi localizada por unha veciña á altura da área recreativa de Segade, en Mañón

O corpo sen vida dunha muller foi localizado este luns, pasadas as tres da tarde, no río Sor, á altura da área recreativa de Segade, situada o termo municipal da localidade coruñesa de Mañón, segundo informaron desde Urxencias 112.

O cadáver foi localizado por unha veciña escasas horas despois de que os axentes da Garda Civil houbesen recibido unha alerta por unha persoa desaparecida na zona, polo que nestes momentos están a comprobar se coincide co corpo achado no río.

Ata o lugar desprazáronse, para levar a cabo o rescate do cadáver, efectivos dos Bombeiros do Eume e de Protección Civil de Mañón, así como membros do Grupo de Urxencias Supramunicipais (GES) de Ortigueira.

Estes últimos informaron a Efe de que a muller era de idade avanzada e que o corpo foi achado a uns 300 metros da ponte de Segade, situado nunha zona forestal de densa vexetación.

Comentarios