Gres Burela ampliará a produción e os seus deseños en Fazouro

A empresa burelense, Materiais Cerámicos S.A.U., ampliará a produción e os deseños que ten dispoñibles no mercado unha vez que inaugure as súas novas instalacións en Fazouro. O xerente e propietario da firma, Miguel Rey, sinala que «a posta en marcha desta nova pranta supón a remodelación total da fábrica e situarnos no mercado actual porque agora mesmo, coas instalacións que temos, estamos fóra del».

Os obxectivos da dirección son alcanzar unha produción de cinco millóns de metros cadrados ao ano e incorporar á súa carteira novos modelos que demandan os clientes, pero que na planta actual non se poden desenvolver pola falta de maquinaria adecuada. Ademais, outra cifra que barallan é a de alcanzar os 30 millóns de euros de facturación no ano 2013, un gran reto.

Na actualidade, a produción de Gres Burela diríxese a mercados de Galicia, Asturias, Cantabria, Pais Vasco, Canarias, Norte de Portugal, Inglaterra, Irlanda, Grecia, Malta, Chipre, Porto Rico, Colombia e Uruguai. As novas metas son abrirse á exportación buscando novos destinos principalmente en Europa e Estados Unidos. «Coas novas instalacións queremos aumentar a exportación para situarnos na media da exportación española de porcelánico, que anda no 80%», indica Rey, para o que utilizarán a marca Gres Galicia.

Emprego

Segundo explica Rei estes datos tamén terán o seu efecto no emprego, posto que «na nova pranta imos empezar cuns 60 obreiros, pero en pleno rendemento pode chegar a ter 150 obreiros, o que supón uns 575 postos indirectos», asegurou e engadiu que «isto suporá un impulso económico moi importante para toda a zona».

Comentarios