Greenpeace: "España non está lista para outro Prestige"

A ONG asegura que, quince anos despois, as circunstancias que propiciaron a catástrofe ambiental "seguen vixentes", polo que podería volver suceder

Greenpeace considera que, pasados quince anos desde o afundimento do Prestige, España "non aprendeu a lección" e segue sen estar preparada para afrontar "con solvencia" unha nova catástrofe ambiental desta envergadura, que cre posible. Nun comunicado, a ONG sinala que "é só unha cuestión de tempo" que outra catástrofe como a do Prestige "poida volver ocorrer" porque as circunstancias que o propiciaron "seguen vixentes" e a industria petroleira segue transportando hidrocarburos "de forma insegura".

María José Caballero, responsable de campañas de Greenpeace, incide en que "a mala xestión" da catástrofe "continuou no tempo", o que impide "aprender as leccións necesarias para que non se repita a mesma historia". A ONG sinala como exemplos desa "mala xestión" a decisión de afastar o buque da costa, a "escasa e, en ocasións, falsa" información ofrecida polas distintas administracións e a "insuficiente valoración" da dimensión ambiental do sinistro.

A iso súmase, alega Greenpeace, que a industria petroleira aproveita os recursos naturais pero non se fai cargo da súa responsabilidade coas consecuencias derivadas da súa actividade económica. A ONG engade as implicacións inmediatas do accidente, tanto desde o punto de vista biolóxico, como desde o socioeconómico, con efectos para o conxunto da sociedade galega a curto, medio e longo prazo, que se estenderon por toda a cornixa cantábrica ata o sur de Francia.

Adicionalmente, recalca que o afundimento do Prestige tamén puxo en evidencia as "enormes deficiencias" da lexislación e do réxime de responsabilidade no transporte marítimo, sempre que non se poden esixir responsabilidades ás empresas implicadas nunha catástrofe ambiental. Tampouco se pode demostrar neglixencia ou dolo nos responsables políticos porque non se poden xulgar as súas decisións, engade Greenpeace, que considera "manifestamente insuficientes" os medios de loita contra a contaminación.

Comentarios