Garzón precisa que nin asesorará nin defenderá a Snowden ata que estude o caso

O exxuíz español Baltasar Garzón "non defende nin asesora" de momento ao exaxente da CIA e fuxitivo da Xustiza estadounidense Edward Snowden, segundo declarou a EFE o xurista.

Garzón, quen se atopa en Haití traballando nun proxecto da súa Fundación Internacional Baltasar Garzón (FIBGAR) para axudar a paliar a pobreza nese país, precisou telefonicamente que "WikiLeaks solicitoume a defensa de Snowden pero eu non aceptei aínda ata que estude o caso".

Mediante un comunicado difundido este domingo na súa páxina oficial, WikiLeaks reproduce textualmente unha suposta declaración oficial de Garzón na que se mostra interesado en preservar "os dereitos de Snowden e protexelo como persoa".

O letrado é avogado do fundador de WikiLeaks Julian Assange, refuxiado desde hai un ano na embaixada ecuatoriana en Londres a fin de evitar a súa entrega a Suecia, país que quere interrogalo por supostos delitos sexuais que el nega e desde o que podería ser extraditado a EEUU, onde se lle acusa de espionaxe.

Snowden chegou hoxe a Moscova procedente de Hong Kong, que abandonou despois de que as autoridades chinesas recibisen unha solicitude de Estados Unidos para extraditalo.

O exaxente e analista de información estadounidense atópase en tránsito no aeroporto internacional da capital rusa á espera de voar, ao parecer, a un país latinoamericano que lle conceda asilo.

Comentarios