Garzón confirma que non asumirá a defensa de Snowden

O ex xuíz español Baltasar Garzón anunciou hoxe que non asumirá a defensa do ex analista da CIA Edward Snowden, que está actualmente na zona de tránsito do aeroporto moscovita de Sheremétievo.

Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, Garzón asegurou que continuará coa representación do fundador de Wikileaks, Julian Assange, "na defensa do dereito fundamental á liberdade de información e de expresión".

O ex xuíz, que asina a mensaxe como director do despacho ILOCAD S.L., expresou a súa "satisfacción" pola recente aprobación do proxecto de resolución da Comisión de Asuntos Xurídicos e Dereitos Humanos da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa "que considera que aqueles que denuncian feitos delituosos en beneficio do interese xeral deben ser protexidos das represalias daqueles que os cometen".

O pasado domingo Garzón desmarcouse de WikiLeaks, que anunciara a través da súa páxina web que se faría cargo da defensa de Snowden. En concreto, ese día Garzón asegurou que "non defender nin asesorar" polo momento ao exagente e hoxe confirmou que non levará o seu caso.

Comentarios