Garzón asegura que continuará ''loitando'' pola xustiza

O xuíz Baltasar Garzón, inhabilitado polo Tribunal Supremo, asegurou en Santo Domingo que continuará "loitando" pola xustiza e contra o crime organizado e a corrupción, nunha entrevista publicada polo periódico Listín Diario.

"Mentres me queden forzas vou loitar por todo aquilo que considero unha necesidade para a sociedade moderna, como é máis xustiza, máis protección, seguridade, máis defensa das vítimas, máis compromiso fronte ao crime organizado e a corrupción, loita polos dereitos humanos", dixo Garzón ao diario.

O maxistrado visitou o fin de semana a provincia da Romana (leste do país), invitado polo avogado dominicano Vinicio Castelo Semán, e onde se reuniu co presidente, Leonel Fernández, e compartiu co vicepresidente, Rafael Alburquerque; o procurador, Radhamés Jiménez, e outros avogados e funcionarios. "Esa foi a miña vida dentro da xustiza e esa vai seguir sendo a miña acción dentro da xustiza desde outro punto de vista non estritamente xurisdiccional", engade Garzón nas súas declaracións ao diario dominicano.

E, desde logo, explica, "con igual enerxía e coa insistencia que eu crea necesaria para dar unha protección maior aos cidadáns e cidadás, iso é o que vou seguir facendo porque dalgunha forma é o que sei facer", ademais de desenvolver "labores humanitarios".

Na entrevista, o xuíz expresouse a favor de que se despenalice parcialmente o consumo de drogas "xunto cun sistema de prevención e de educación para a saúde moi potente, a fin de que se poida convivir co fenómeno, como hai outros". No entanto, Garzón recoñeceu que o problema "é moi complexo" e "xa que logo as solucións non poden ser tan simples como dicir legalización ou non legalización". Pero, tras considerar que "o sistema que temos non funciona, fracasou", opinou que "non ten sentido hoxe a penalización do consumo (...)".

Comentarios