A Garda Civil investiga se un desaparecido fai 25 anos está no cemiterio de Mogor

Os axentes de Ortigueira descartan que o home, do Barqueiro, fose enterrado no lugar, como se difundiu por todo o pobo
Camposanto de Mogor, en Mañón.
photo_camera Camposanto de Mogor, en Mañón.

Axentes da Garda Civil de Ortigueira levaron a cabo nos últimos días unha investigación para tratar de esclarecer se o corpo dun home desaparecido fai uns 25 anos e natural do Barqueiro, no municipio coruñés de Mañón, estaba enterrado no cemiterio de Santa María de Mogor.

A Benemérita descarta en principio que dita aseveración sexa certa e pasará as dilixencias abertas ao xulgado ortegano para o seu intrucción. As indagacións comezaron a semana pasada cando supostamente unha persoa comentoulle a un familiar do desaparecido que o seu corpo estaba enterrado no camposanto mencionado.

Fontes da investigación sinalan que o home asegura que nunca dixo iso, senón que debían efectuar uns arranxos no panteón, xa que a tapa estaba movida, entre outras deficiencias.

Tras as manifestacións do veciño ou o suposto malentendido, os axentes interrogaron ao familiar que denunciou os feitos e visitaron o cemiterio para comprobar o relato dos implicados. Tras escoitar a todas as partes, concluíron que o corpo non podía estar no lugar onde indicaron, dado que é un cinceiro e, xa que logo, está destinado unicamente ao depósito de cinzas.

O asunto provocou un reguero de comentarios no pobo do Barqueiro e a súa contorna, onde chegaron a asegurar que ao desaparecido matárano. Ademais, a situación causou estes días un profundo sufrimento á familia do desaparecido.

Cando fai 25 anos faltou, logo de saír a pescar con cana á zona de ribeira do Vicedo, só apareceu a súa moto e algúns obxectos persoais nun lugar próximo á praia de Xilloi. O home residía na localidade vicedense, onde se casou.

Comentarios